Tomiño e Cerveira organiza a novena edición do Triatlón da Amizade.

O Concello de Tomiño e a Câmara de Vila Nova de Cerveira presentaron esta mañán a novena edición do Triatlón da Amizade que se celebrará este domingo día 20 de setembro.
O triatlón da Amizade é unha probra deportiva organizada de xeito conxunto por ambos concellos e polas federacións deportivas de ambas marxes. Este ano é a novena edición na que se agarda pasar dos 200 deportistas inscritos.

Como en anos anteriores, a competición terá unha proba infantil (de 9 a 16 anos) con percorridos adaptados e saída nas inmediacións do parque do Castelinho sobre as 11h30 da mañá. Este ano é a quinta edición desta proba adaptada aos máis pequenos que conta coas categorías de alevín, infantil e cadete.

Pola tarde, ás 15.45 horas (hora galega) terá lugar a saída da proba principal dende o Espazo Fortaleza (Goián). Os atletas terán que nadar polo río ao longo de 750 metros ata chegar á primeira zona de transición situada na Praia do Castelinho (Vila Nova de Cerveira). A continuación terá lugar a proba de bicicleta, que transcorrerá nas inmediacións do casco urbano de Cerveira, cunha distancia total de case 20 km.
Por último, os deportistas chegarán novamente a Goián, a través da Ponte Internacional da Amizade, e comezarán a última etapa da proba, a carreira a pé, a través de 5 km no entorno do Espazo Fortaleza onde estará situada a meta.

A presentación desta IX Triatlón da Amizade 2015, tivo lugar esta mañá, na Casa do Concello de Tomiño, coa presenza dos concelleiros de Tomiño de Planificación Territorial, Facenda e Proxectos Estratéxicos, Uxío Benítez, o concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso e o Vice-Presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Vitor Costa. Ademáis, estiveron presentes dous representantes da Federación Galega (FEGATRI) de Triatlón, Francisco Villanueva e Lorena García.

O concelleiro de Proxectos estratéxicos, Uxío Benítez, destacou “o traballo conxunto que vimos levando a cabo con Cerveira con programas culturais e deportivos que poñen a ambas vilas nun punto de referencia. De feito, a semana pasada celebramos conxuntamente as Olimpiadas Interxeneracionais froito dunha candidatura a programas europeos e esta semana, novamente cultura e deporte veñen sendo premiados grazas a outro novo proxecto.”
O Concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, asegurou que a proba deportiva “está totalmente consolidada e é un punto de encontro importante entre os pobos das nosas vilas, constituíndo xa unha referencia deportiva e de cooperación transnacional na zona”.
Pola súa banda, Fernando Costa, Vice- presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, engadiu “ a importancia do traballo e da ligazón da ambos concellos que ademáis como comentou uxío Benítez, son reafirmados pola Europa e teñen sido obxecto de inclusión en programas europeos”.
Francisco Villanueva de FEGATRI, explicou que o Triatlón da Amizade é unha das probas máis singulares nas que traballa a federación, polo seu carácter transnacional, o que aporta unha riqueza e atractivo engadido á competición.
Ambos concellos agradeceron a colaboración dun centenar de voluntarios e voluntarias de ambos os lados da fronteira, así como das forzas de Protección Civil, Bombeiros, Mariña, policía, etc., que colaboran habitualmente para garantir o desenvolvemento correcto da competición.