05 Out 2016 Tomiño e Cerveira poñen en marcha a 2ª edición da actividade transfronteiriza “Deporte/Desporto para Todos”, para persoas maiores de 55 anos

  • A matrícula está aberta a partir desta semana. As sesións serán de hora e media, unha vez por semana en Vilanova e outra en Tomiño
  • A actividade pertence á Axenda Estratéxica que centra o esforzo de ambas rexións para conseguir unha xestión compartida de servizos locais, formación e actividades culturais e deportivas

 

Tras o éxito alcanzado o pasado ano polo programa transfronteirizo “Deporte/Desporto para todos”, o Concello de Tomiño pon en marcha nestes días, conxuntamente coa Cámara Municipal de Cerveira, a segunda edición do evento.

“Con este proxecto pretendemos ofrecer á comunidade maior de 55 anos de Vilanova de Cerveira e Tomiño unha actividade deportiva saudable, controlada e adaptada; propomos deste xeito, diferentes actividades deportivas como baloncesto, fútbol, atletismo, natación, actividade funcional, xogos tradicionais e tamén outras actividades esporádicas, coma andainas e taichí, entre outras”, explica o concelleiro de Deportes do Concello de Tomiño, Ismael Troncoso.

A presente edición comeza estes días. As sesións serán de 1h30minutos, unha vez por semana en Vilanova de Cerveira e outra en Tomiño.

Este proxecto xurde a través da competición europea “Olympics4all” (competición deportiva para persoas maiores de 55 anos), que se celebrou no mes de setembro de 2015, e no que Cerveira e Tomiño participaron cun equipo formado por 30 persoas.

Esta é unha das numerosas actividades comprendidas dentro da Axenda estratéxica Cerveira-Tomiño, que centra o esforzo de ambas rexións para conseguir unha xestión compartida de servizos locais, a dinamización da economía local trasfronteiriza e capacitación, baixo o lema Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto europeo (da candidatura conxunta ao Programa Operativo Europeo de Cooperación Trasfronteiriza (POCTEP)- INTERREG V-A , nutrido con fondos FEDER) que busca fortalecer a cooperación entre ambos municipios en distintos ámbitos de traballo.

As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a mauro.goian10@gmail.com ou chamar ao teléfono 680352900.

 

 



X