Tomiño e Cerveira teñen até mañá, para escoller tres proxectos de cooperación, que serán acometidos conxuntamente por ambos concellos

  • O Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) , dotado con 20.000 euros, é un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galiza/Norte de Portugal

  • Os cidadáns dos dous municipios tiveron un mes, para elixir tres iniciativas de entre seis nas áreas de Cultura, Educación e Acción Social

Os habitantes de Vila Nova de Cerveira e Tomiño teñen até mañá, 10 de decembro, para votar os tres proxectos que serán realizados de forma conxunta polos seus concellos, no marco dunha novidosa experiencia de cooperación, co lanzamento do primeiro orzamento participativo de carácter transfronteirzo.

Mediante este proceso de participación, os cidadáns de Tomiño e Vila Nova de Cerveira escollerán, mediante votación telemática, tres proxectos de cooperación (a realizar ao longo de 2017) de entre seis, redactados dentro da Axenda de Cooperación Transfronteirza Cerveira Tomiño.

Son seis os proxectos xurdidos de sendos grupos de traballo transfronteirizos, co fin de que cerveirenses e tomiñeses, maiores de 18 anos e electores nos concellos, escollan tres iniciativas nas categorías de Cultura, Educación e Acción Social.

En Educación, as propostas son a realización da Semana da Comunidade Educativa Cerveira-Tomiño 2017 ou ben, do 1º Campus Deportivo e Educativo Cerveira-Tomiño

En Cultura, poderase elixir entre a organización da Festa Amizade Cerveira-Tomiño ou do Encontro de Creatividade Cultural e Musical do Miño. E en Acción Social, as opcións son a elaboración dun Programa de Voluntariado de Apoio á Inclusión Social Infantil e Xuvenil ou dun Programa transfronteirizo para a información, apoio e visibilidade das problemáticas de accesibilidade.

As fichas explicativas dos proxectos figuran na páxina web www.participacerveiratomino.eu, creada expresamente para esta votación.

O Orzamento Participativo Transfronteirizo Cerveira-Tomiño (OPT) é un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galiza/Norte de Portugal, que ten coma obxectivo involucrar aos cidadáns dos dous concellos veciños, na formulación de solucións para necesidades comúns. Dotado de vinte mil euros (20.000€), financiados ao 50% polas dúas entidades locais, servirá para costear os proxectos acometidos conxuntamente, tras a votación popular.