Tomiño e Silleda reeditarán o ‘Siñor Afranio’, a obra máis emblemática de Antón Alonso Ríos Os dous concellos queren sacar de novo ao mercado este libro, moi demandado polo público e que nestes intres está descatalogado

Gran acollida da exposición sobre Antón Alonso Ríos na Casa da Cultura de Silleda, que ata o vindeiro 14 de decembro acolle unha mostra sobre este mestre, político e escritor nado na parroquia silledense de Cortegada en 1887 e que desenvolveu un gran labor docente no de Tomiño nos anos 30 do século pasado.

Organizada polo concello tomiñés, onde estivo aberta ao público o pasado mes de outubro, a exposición fai un percorrido polo periplo vital e a longa traxectoria de Alonso Ríos, incluíndo a súa obra máis emblemática, ‘Siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte’. Trátase dunha obra descatalogada e moi demandada polo público que os concellos de Tomiño e Silleda propóñense reeditar e para o que xa pediron colaboración á Deputación de Pontevedra.

A mostra conta con mobles e instrumental das escolas da época, propiedade da Fundación Peirópolis, e libros relacionados coa biblioteca persoal de Alonso Ríos durante a súa estadía en Bos Aires. Nela o público poderá atoparse exemplares de filosofía, orixinais de publicacións súas ou a correspondencia enviada a Isaura Gómez Pérez, veciña de Tomiño, a quen escribiu dende 1975 atan o seu pasamento en 1980 e na que se reflicte o pensamento do autor nos anos posteriores á ditadura franquista. Alonso Ríos, un dos persoeiros máis destacados na historia galega do último século polo seu labor pedagóxico, político e pola súa implicación no movemento agrarista.

O público poderá disfrutar desta exposición na Casa da Cultura de Silleda de luns a venres de 09.00 a 15.00 e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas.