Tomiño e Vila Nova de Cerveira acolleron unha “fin de semana saudable”

concello tomiño Taichi na fortaleza 3concello tomiño Taichi na fortaleza 2

 

Ambas as dúas actividades, enmarcadas dentro do programa “Eurorrexión Activa: vida saudable nos concellos da raia”, resultaron un éxito

A “Fortaleza de Goián” acolleu, o domingo pasado, unha Master class de Taichí, que permitiu ás persoas participantes disfrutar dunhas marabillosas vistas, mentres realizaban movementos lentos e fluídos co fin de relaxar mente e corpo.

Unha aula conxunta fitness foi a actividade que se levou a cabo no “Parque de Lazer do Castelinho” de Vila Nova de Cerveirao, o sábado pola tarde.

As dúas actividades encadráronse dentro do proxecto “Eurorrexión Activa: vida saudable nos concellos da raia”, que conta cunha ampla axenda de propostas saudables e totalmente gratuitas ata o mes de agosto.

A concelleira de Deportes do Concello de Tomiño, Cristina Martínez, salientou a boa acollida que tiveron estas dúas actividades, que “pretenden ademais de promover hábitos saudables, estreitar lazos coas poboacións fronteirizas”.

Así, haberá andainas saudables, diversas ‘master class’, fitness, paseos de BTT e diferentes conferencias en torno ao deporte e os beneficios do exercicio físico. Trátase dun proxecto financiado con fondos europeos que busca, a través da cooperación intermunicipal, promover hábitos de vida activa dende a infancia ata a vellez, traballando conxuntamente por un envellecemento máis activo e saudable.

Con esta serie de accións preténdese que a poboación galega e portuguesa incorpore a actividade física ao seu día a día. A dose mínima de exercicio para un bo estado de saúde segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) é de 60 minutos ao día para os menores de idade e de 30 minutos ao día para os maiores de idade e con este tipo de actividades preténdese divulgar esta práctica.