Tomiño inicia unha campaña para incrementar as conexións á rede de saneamento Nos últimos dez anos o goberno municipal investiu 6,5 millóns de euros na ampliación desta rede, incrementando un 40% o acceso ao servizo

O tratamento inadecuado das augas residuais xeradas pola actividade humana é unha das principais causas de contaminación das augas subterráneas e unha forma importante para protexer a saúde das persoas. Consciente desta realidade, nos últimos 10 anos o Concello de Tomiño investiu aproximadamente 6,5 millóns de euros en ampliar a rede de saneamento municipal, o que deu como resultado un incremento do 40% no acceso ao servizo.

Mentres que no ano 2007 tan só o 20% das vivendas tiñan acceso á rede, este ano un 70% das casas tomiñesas teñen a posibilidade de conectarse á rede pública de recollida de augas residuais. Porén, deste alto porcentaxe de propiedades con acceso ao servizo soamente están conectadas un 57%, mentres que o outro 13% non se conectou ao saneamento a pesar de ter o servizo dispoñible.

A pesar de ser unha demanda veciñal recorrente e un servizo fundamental, especialmente en aras de mellorar a calidade ambiental e reducir a contaminación a terra e canles de auga, existe “un déficit importante de conexións nalgúns dos tramos realizados”, como sinala a responsable de Medio Ambiente e Optimización dos Servizos Públicos do Concello de Tomiño, María Xosé Vázquez.

Ademais, tanto o Decreto autonómico 141/2012 como o Regulamento Municipal da rede de saneamento obrigan a conectarse a todas as vivendas que conten con acceso á rede a menos de 50 metros da súa propiedade. Por este motivo, o Concello de Tomiño está a realizar unha campaña de envío de cartas exhortando aos veciños e veciñas a conectarse á rede ou ben a acudir ás dependencias municipais para estudar a problemática asociada a cada caso particular e que pode estar dificultando ou impedindo estas conexións.

A Concellaría de Medio Ambiente está a realizar unha base de datos na que se detectou que hai barrios nos que menos do 50% das vivendas que teñen acceso ao servizo están realmente conectadas á rede. “A raíz destes datos e cos envíos de cartas a estas propiedades non conectadas, o Concello quere analizar as causas deste déficit de conexións para actuar conseguintemente e traballar xunto con Aqualia, a empresa concesionaria, para mellorar os ratios actuais”, salientou a concelleira de Medio Ambiente.

Actualmente, as conexións realizadas no momento da construción do tramo de saneamento están bonificadas a raíz dun convenio do Concello de Tomiño coa empresa concesionaria, unificando o custe para todos os veciños e veciñas, que ronda os 700 euros con taxas municipais incluídas. Para o concello, o custo da obra por vivenda potencialmente conectable ascende a 2,5 veces do custo que pagan os veciños e veciñas, aínda que “se o cálculo se realiza sobre as vivendas efectivamente conectadas o custo das obras é tres veces superior ao custe que paga cada propiedade pola súa conexión”.



X