Tomiño investe 100 mil euros en reformas de verán e mantemento dos colexios • As obras de maior envergadura son a remodelación do patio do CRA do Seixo, e do CEIP de Barrantes

Como cada ano cando comeza o verán, o Concello de Tomiño, emprende unha serie de reformas, melloras e obras de mantemento nos centros educativos de Infantil e Primaria.

Esta vez, as dúas obras de maior envergadura son as reformas dos patios do CRA (Centro Rural Agrupado) do Seixo, e do CEIP de Barrantes, financiadas con fondos da Deputación e do Concello, respectivamente, e que significarán un investimento duns 80.000 euros.

O primeiro era unha vella aspiración do equipo de goberno e da comunidade educativa, que agora, grazas a unha achega do Plan Concellos, poderá facerse realidade.

Trátase dun espazo exterior de case 700 m2, que se acondicionará coma “parque natural”, de acordo cunha nova concepción do xogo e do entretemento, fomentando un contacto maior con elementos da natureza, creando distintos niveis no terreo, e utilizando pavimentos seguros (céspede natural, terra vexetal na zona de horta; arena, pavimento sintético brando, de madeira de pino, etc.) que fomenten o xogo participativo e a creatividade. Haberá tamén unha pérgola de madeira que servirá como área de transición; zona de árbores e senda, etc.

Pola súa banda, o patio do CEIP de Barrantes será remodelado seguindo a mesma filosofía. Neste caso trátase dun ámbito de actuación de 264 m2, nos que se tentará representar, a través de diferentes elementos e materiais a unión entre a terra e o mar, con elevacións do terreo, semellando unha montaña de terra e céspede natural; un área de bancadas de madeira; una zona máis baixa de pavimento brando simulando o mar, e unha illa no centro, na que se colocará un tobogán de aceiro inoxidable de metro e medio de altura e un tubo de PVC, que fará as veces de pasadizo ou túnel.

Outras obras de mellora que se levarán a cabo durante o verán, son a reposición de ventás no ximnasio do CEP Pedro Caselles, para dotar á instalación dun maior illamento e luminosidade (7.500€), reforma da aula de psicomotricidade, cun solo especial e da aula de música. Estas tarefas serán realizadas por persoal municipal.

En Sobrada, realizarase o cambio da aula de informática, a unha máis ampla e mellor acondicionada, e colocarase tarima flotante noutras dúas aulas do centro.

En Goián, levaranse a cabo pequenos arranxos na aula de inglés e mellorarase o peche do colexio.

Por último, realizaranse melloras nas aulas do CRA de Figueiró (almacén) e Vilachán (instalación eléctrica), entre outras.

A alcaldesa de Tomiño e delegada de Educación, Sandra González, explica que aínda que o acondicionamento dos colexios non é unha obriga municipal, o Concello destina cada ano unha partida considerable para facer fronte ás obras de mantemento e mellora das instalacións, seguindo unha liña de prioridades que se axusta ás necesidades reais.