Tomiño inviste máis de 200.000 euros en melloras de estradas e beirarrúas Realiza obras nas zonas de A Pedra, Camiño Novo, A Rocha e camiños rurais de catro parroquias

Un verán máis, o Concello de Tomiño emprende obras de arranxo e mellora de varias estradas e beirarrúas en distintas zonas do termo municipal. Nesta ocasión trátase da zona de Camiño Novo, entre a rotonda de A Pedra e o barrio de Pazos, na parroquia de Tomiño, onde con cargo ao Plan Concellos, da Deputación Provincial, está a recollerse augas pluviais e colocando tubaxes para cables soterrados de iluminación pública. Ao mesmo tempo, procédese a mellorar o asfaltado existente e as beirarrúas, coa creación dunha senda peonil de preto dun quilómetro de lonxitude.

A idea do goberno local, segundo explica o concelleiro de Obras, Fran Campo Lago, é seguir coa mellora desta estrada até Barrantes.

Por outra banda, no barrio de A Rocha (Tomiño), estase a acometer nestes días outra obra de melloras e creación de senda peonil ao longo duns 200 metros, entre A Rocha e Souto, tamén con recollida de pluviais e tubaxes de cables para alumeado.

De forma simultánea, estase a arranxar camiños rurais das parroquia de Forcadela (Gabín), Barrantes (Pazos), Tomiño (Barro e Pousadela) e Piñeiro (Bouzón), dentro do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2017-2018, por un importe superior aos 70.000 euros.



X