O Concello de Tomiño obtén unha distinción de Unicef polo seu traballo a prol da infancia e adolescencia

So dous municipios de Galicia recibiron o recoñecemento de Boas Prácticas, Dereitos da Infancia e Política Municipal 2014, Verín (Ourense) e Tomiño (Pontevedra)

foto_jurado_1

O Concello de Tomiño vén de ser recoñecido cunha distinción (en Galicia so se outorgaron dúas) no VII Certame de Boas Prácticas, un concurso no que se premian proxectos ou actuacións exemplares a favor da infancia e a adolescencia, levadas a cabo por gobernos locais e outras entidades públicas e privadas.

O xurado, formado por UNICEF Comité Español, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a Federación Española de Municipios e Provincias e o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia, fixo público o pasado venres, 17 de outubro, o seu fallo sobre o certame, concedendo en total 36 distincións del VII Certame de Boas Prácticas e 56 Selos Recoñecemento de Cidades Amigas da Infancia, a cidades e pobos españois, polo seu traballo polos dereitos dos nenos. En total, desde o inicio do programa hai 12 anos, xa son 119 municipios os que contan con este selo, que debe ser renovado cada catro anos.

En Galicia so dous municipios recibiron o recoñecemento de Boas Prácticas, Dereitos da Infancia e Política Municipal 2014, Verín (Ourense) e Tomiño (Pontevedra).

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou tras coñecer a noticia, que “o goberno local está moi satisfeito con esta distinción, especialmente por vir dunha entidade coma Unicef, que supón un aliciente máis para seguir a traballar pola infancia e a mocidade de Tomiño”.

O xurado tivo en conta para outorgar esta distinción, o proxecto “É Aprender, unha sociedade que educa”, no que voluntarios e voluntarias axudan a desenvolver tarefas de apoio escolar a alumnado da ESO.
González lembra neste sentido que programas coma o É Aprender e outras iniciativas, coma actividades gratuítas extraescolares, gabinetes de apoio psicolóxico, axudas para material escolar, etc., “amosan o compromiso deste Concello coa educación, a infancia e a adolescencia”.

Os recoñecementos Cidades Amigas da Infancia (CAI) e de Boas Prácticas concédense cada dous anos tras un proceso de seguimento aos municipios e institucións que se presentan ao programa. Así, durante o pasado mes de setembro, unha comisión técnica visitou as distintas localidades para avaliar se, efectivamente, as súas liñas de actuación en relación á infancia e a adolescencia axustábanse aos requisitos esixidos.

O programa Cidades Amigas da Infancia pretende impulsar e promover a aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno no ámbito local e fomentar o traballo en rede entre os distintos municipios que forman parte da iniciativa. O obxectivo é que administracións e gobernos desenvolvan estratexias para o benestar dos nenos defendendo os seus dereitos, fomentando a súa participación e facendo das cidades contornas máis habitables, especialmente para os máis novos.

O Selo de Recoñecemento CAI e as distincións de Boas Prácticas entregaranse nun acto que terá lugar o 7 de novembro en Guadalaxara, Cidade Amiga da Infancia desde a pasada edición dos recoñecementos en 2012.

http://ciudadesamigas.org/