Tomiño ofrece un Nadal de xogos, teatro, música e maxia

  • A iluminación das Festas, cun investimento de 12.000 euros, acenderase esta fin de semana polas principais rúas dos núcleos urbanos de Tomiño e Goián

 

 

O Concello de Tomiño propón un Nadal cheo de maxia especialmente pensado para os pequenos da vila, pero con ofertas tamén para o resto da familia.

 

A vindeira fin de semana, acenderase a iluminación de Nadal. Deste xeito, as principais rúas dos núcleos urbanos de Tomiño e Goián, iluminaranse con centos de pequenas luces de lede e motivos propios destas festas.

 

Abrirá o programa a Cabalgata de Papá Noel, o sábado 17 ás 11.00 horas, na Praza do Seixo, coa colaboración de BANTA (Banco de Tapóns).

Ese mesmo día, ás 17.00 horas, Festival de danza ADEIXA, no Auditorio de Goián, con recollida de alimentos para SOS Tomiño.

 

O domingo 18, Concerto de Nadal, a cargo da Agrupación Musical de Goián. Tamén no auditorio, ás 18.00 horas, e con recollida de alimentos non perecedoiros.

O programa continúa o día 26, coa inauguración da Exposición de postais de Nadal no Mercado Municipal, que permanecerá aberta até o día 7 de xaneiro.

 

O mércores 28, O Apalpador chegará á Praza do Seixo ás 11.00 horas. No caso de chuvia, a actividade trasladarase ao mercado.

 

Tamén o mercado municipal será o espazo no que se desenvolverá, o xoves 29, de 17.00 a 19.00, o obradoiro de teatro infantil “Unha coroa para os reis magos”, a cargo de Migallas Teatro. É necesario apuntarse no Concello.

 

O venres 30 chega ao mercado, entre as 17.00 e as 18.00 horas, o meigo Zanas, co espectáculo “Máis que maxia”.

A programación continúa os días 2, 3 e 4 de xaneiro coa actividade “Nadal na Praza”. Entre as 16.00 e as 20.00 horas, a Praza do Seixo encherase de xogos, obradoiros, inchables, coa protección dunha carpa, por se acaso chovera.

 

A Cabalgata de Reis será o xoves 5, con saída dende o Campo do Alivio ás 16.30 horas e percorrido até a Praza do Seixo. Nela terá lugar a recepción dos nenos e nenas por parte dos Reis; entrega de agasallos e reparto de papeletas para o sorteo dunha bici, tablet, patins, drons, etc.

 

O sábado 7 de xaneiro, a programación continúa con “O mundo máxico de Pinocho”. A función, a cargo de Educa Teatro, será no Auditorio de Goián, ás 18.00 horas, con entrada de balde para nenos e nenas e de 3 euros para adultos.

 

Pechará o programa outra obra de teatro infantil-musical, “As andanzas de Paio”, a cargo do grupo Vaioviravai. Tamén no auditorio, ás 18.00 horas. Coma na anterior actividade, a entrada será de balde para nenos e nenas e de 3 euros para as persoas adultas.

 

Cristina Martínez, concelleira de Cultura, informa que este Nadal terá coma mascota, un teixugo, un animaliño habitante dos nosos bosques que destaca polo seu tesón e perseveranza e que é símbolo da unión coa terra e a chegada do Nadal.

 

Cartaz actos Nadal 2016