O Concello organiza obradoiros onde aprender estratexias para afrontar a crianza dun xeito positivo As actividades desenvolveranse ao longo dos meses de abril e maio e haberá servizo de gardería, para que pais e nais poidan asistir aos actos con maior tranquilidade

A Concellería de Servizos Sociais, a través do Departamento de Educación Familiar, organiza o programa “Benestar en Familia”, entre os días 4 de abril e 9 de maio. A actividade consiste nunha serie de encontros (charlas) e obradoiros dirixidos a familias con nenos e nenas de até 6 anos, que desexen aprender estratexias e pautas para afrontar a crianza dun xeito positivo.

 

A primeira das actividades programadas é o obradoiro “Medrando co meu bebé” (para familias con fillos e fillas de entre 3 e 12 meses, que terá lugar o vindeiro mércores 4 de abril, na Escola Infantil Galiña Azul de Tomiño, entre as 17.30 e 18.30 horas. Impartida por persoal técnico de ADIAF (Asociación de Desenvolvemento Infantil e Atención Familiar), a actividade terá coma obxectivo principal “acompañar ás familias no crecemento, proporcionándolles estratexias, ferramentas e recursos de apoio ao longo da primeira etapa de vida dos seus cativos e cativas”, explicou a concelleira Cristina Martínez, sinalando ao mesmo tempo, a intención de tender unha rede de apoio e intercambio de experiencias entre familias e profesionais.

 

Asemade, traballarase co “Libro Blanco da Atención Temperá”, a prevención e detección de necesidades nas áreas de linguaxe, psicomotricidade, áreas cognitiva, sensorial, etc.

 

Por outra banda, o vindeiro xoves 5 de abril terá lugar na Casa da Cultura, ás 17.30 horas, a primeira das charlas programadas, titulada “Como protexer sen protexer”, e impartida polo psicólogo e terapeuta familiar José Cardama Barrientos. Haberá servizo de canguros, pero é preciso anotarse previamente, chamando ao Concello en horario de mañá (986 62 20 01/03).

 

No cartaz que ilustra esta nova,  atópase o resto da información e programación detallada das actividades, datas e horarios.



X