Tomiño pecha a súa axenda de xullo cun gran concerto do grupo “Treixadura” Tamén chega a súa fin o ciclo “Cine na Rúa”, que traerá, mañá venres 28 de xullo, a película “Trolls”, para todo público

O recoñecido grupo de música folk “Treixadura” pecha o ciclo o Son da Praza do mes de xullo en Tomiño.

A formación musical, que mistura o canto coa gaita, presentará o vindeiro sábado, 29 de xullo, na Praza do Seixo, 22.30 horas, “Vendima tarda”, o sexto e último traballo discográfico co que a formación celebra o seu 25 aniversario de traxectoria artística, un disco que resume a súa extensa carreira e inclúe algunhas pezas inéditas.

Treixadura constitúe dende 1990, un espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita.

Un tempo no que o grupo foi modelando o seu camiño transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. Fieis ao compromiso co seu público, tentando  elevar a música tradicional ao máximo nivel.

Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva.

Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de enlazar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.

25 anos de gravacións e concertos, 6 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común, compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.

O grupo, considerado un dos mellores de Galicia fai un oco na súa axenda para visitar Tomiño o vindeiro sábado, antes de levar o seu espectáculo á Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, Riveira, Mondariz, Viveiro, Astorga e Boi Morto (Festival da Luz), entre moitos outros puntos do país.

     

FOTO CRISTINA TERRÓN e GRUPO TREIXADURA.

 

 

CINE NA RÚA: TROLLS. PRAZA DA MINA. 22.30 HORAS

Tamén chega a súa fin o ciclo “Cine na Rúa”, que traerá, mañá venres 28 de xullo, a película “Trolls”, para público infantil e familiar. A cita é na Praza da Mina, ás 22.30 horas.

Dos creadores de ‘Shrek’, ‘Trolls’ é a nova película de animación baixo o selo da compañía DreamWorks Animation e distribuída por 20th Century Fox. A longametraxe relata a curiosa historia dunhas apracibles e divertidas criaturas que se pasan a vida cantando, bailando coas súas coloristas vestimentas e os seus alegres peiteados. Pero non todo é diversión e entretemento no Poboado Troll, porque terán que convivir cos pesimistas e hoscos Bergens, uns personaxes que representan todo o contrario aos ideais que eles teñen por bandeira, e que só son felices cando teñen a un Troll dentro do estómago.