Tomiño pon en marcha a terceira edición do programa “É Aprender”

As parroquias onde se celebrarán as sesións son Piñeiro, Estás, Tebra e Currás

O Concello de Tomiño pon en marcha a III Edición do Programa “É Aprender – Unha sociedade que educa”, destinado a ao alumnado de ESO da localidade.

O obxectivo do programa, totalmente gratuíto para os usuarios que queiran participar, é mellorar o rendemento escolar dos mesmos a través de actividades educativas e apoio pedagóxico.

Estas actividades estarán dirixidas por un grupo de voluntarios/as local, encargado de levar adiante o programa nos catro espazos habilitados, nas parroquias de Piñeiro, Estás, Tebra e Currás.

O Concello realizou unha reunión informativa o pasado venres, e enviou máis de 700 cartas aos domicilios de familias con fillos escolarizados na ESO.

As persoas que queiran participar aínda están a tempo. So teñen que escribir un correo electrónico a omix@concellotomino.com, ou ben, pasar polo Concello e inscribirse.

Tras a experiencia piloto posta en marcha nos últimos anos, e tendo en conta os bos resultados acadados (participaron máis de 40 nenos e nenas de ESO en cada curso escolar), a Concellería de Educación decidiu dar continuidade á acción, con tarefas de reforzo escolar, técnicas de estudo e xogos educativos, impartidas por persoas voluntarias en varias parroquias da vila, dous ou tres días á semana, durante as tardes.

A alcaldesa Sandra González, considera este proxecto de vital importancia, xa que está orientado á prevención do abandono escolar, dando apoio non so ao alumnado senón tamén ás familias. Neste senso salienta a colaboración do IES de Tomiño e o traballo desinteresado dos voluntarios que coordinan o programa.

A rexedora explica que son obxectivos desta acción “mellorar a adquisición de competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar; atender aos escolares con menor motivación e problemas de aprendizaxe; favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables; propiciar que o alumnado que abandonou o sistema educativo, poida continuar, e impulsar a coordinación entre institucións e organizacións da contorna neste sentido.