13 Mai 2014 TOMIÑO PON EN MARCHA UN PROXECTO DE RECOLLIDA DE INFORMACIÓN DE TRANSMISIÓN ORAL COINCIDINDO COA CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS

Feira do libro, obradoiros infantís e música tradicional na Praza do Seixo forman parte dos actos complementarios previstos para o sábado 17

A Concellería de Cultura do Concello de Tomiño adica o Día das Letras 2014 á tradición popular do municipio. Con este fin, o sábado 17 de maio, na Praza do Seixo, alumnado dos centros educativos e membros de asociacións de ámbito local, acompañados de música tradicional e de regueifas, celebrarán o Recital oral de tradición popular.

Deste xeito, o Concello inicia nesta data tan significativa o comezo dun proxecto de recollida de información de transmisión oral coa finalidade de por en valor a memoria dos maiores. “Un proxecto no que contamos coa colaboración de colexios e diferentes asociacións”, explica a concelleira de Cultura, Cristina Martínez.

O proxecto está a levarse a cabo nos centros educativos da localidade co fin de xuntar esforzos nunha labor común. “Palabras, frases, ditos, refráns, cantigas, rimas, poesías, cancións, ou mesmo fotos que recollen a cultura deste país, son o fin último deste proxecto, que busca salientar a tradición oral conservada de xeración en xeración”, engade a edil.

Con toda a información recollida crearase unha plataforma dixital, onde poderá consultarse o material sobre a tradición oral conseguido.

Actos complementarios do Día das Letras Galegas

A Praza do Seixo de Tomiño acollerá, o vindeiro sábado, 17 de maio, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, unha Feira do Libro e outros actos lúdico-culturais, durante toda a xornada.

Abrirá o programa a actuación da Agrupación Musical de Goián ás 12 horas.

Pola tarde, ás 17.30 horas comezará o Recital oral de tradición popular, a cargo do alumnado dos centros educativos e membros de asociacións locais.

Ademais, actuarán os reguefeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira, e do grupo Airiños Novos, de Pinzás.

Os propietarios de librerías ofrecerán descontos de ata o 20% e o Concello organizará diferentes obradoiros infantís. De 11 a 14 horas, obradoiro de cultura e literatura galega, e de 17 a 20 horas, obradoiro de marcapáxinas, coa participación de voluntarios da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil).

As persoas que participen nestes obradoiros, serán agasalladas con camisetas alusivas ao Día das Letras. Asemade, haberá un stand institucional con folletos e información sobre o proxecto “Tomiño nas Europas”, no que participan o Concello e varios grupos de mozos e mozas, que estarán nos locais da OMIX, de 11 a 14 e de 17 a 20 horas, recollendo e debatendo propostas relacionadas con este proxecto europeo.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a importancia da tradición oral coma “piar fundamental para manter viva a lingua galega, sinal de identidade do noso páis”.

 

Dia das Letras Galegas



X