Tomiño pon en marcha una votación popular para escoller o nome do seu instituto

O Concello lanza un programa co instituto, para por en valor a educación pública e conectar o centro coa sociedade

 

O Concello de Tomiño e o instituto de ensino secundario da localidade, lanzan unha iniciativa popular para recibir propostas e que a comunidade escolar e os habitantes do pobo participen, democraticamente, na escolla dun nome para o centro (a denominación oficial actual é IES Tomiño).

O procedemento arrancará o 3 de outubro, coa recollida de propostas, e rematará o 31 do mesmo mes, cando o consello escolar proceda a escrutar o resultado das votacións. O plan estará supervisado por un comité de selección, integrado polo director do instituto, Carlos Villanueva; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e os expertos Albino Prada (doutor en economía do Foro Económico de Galicia), Daniel Pino (urbanista e sociólogo), Zara Pousa (presidenta da Fundación Xavier Pousa) e María Alonso (Premio Nacional de Traducción).

O proceso popular do bautizo é unha iniciativa pioneira, incluída no programa Educación da boa, posto en marcha no curso pasado, coa finalidade de promocionar o instituto e un ensino público de calidade.

“A nosa intención é que haxa unha vinculación maior entre o IES e a veciñanza, e que esta vexa coma algo propio o instituto, sentindo orgullo por el e polo seu bo nivel, e valorando a importancia dun sistema educativo público de calidade”, explica a alcaldesa.

O programa inclúe, ademais do bautizo, unha estratexia de difusión, comunicación e divulgación, a través de RRSS (contidos para web e redes sociais para profesores, alumnado e familias); formación dun equipo de docentes na xestión do Facebook, etc.

Por último, o proxecto consta dun ciclo de 7 conferencias, que baixo o lema “que queres ser de maior?”, buscan orientar aos estudantes na escolla dunha saída profesional.

O proxecto, patrocinado polo Concello de Tomiño, conta co apoio do consello escolar do instituto e da xunta directiva do profesorado. “A existencia dunha canle de comunicación fluída e eficaz entre todos os membros da comunidade educativa é vital para conseguir un clima de entendemento e colaboración entre alumnos, familias, docentes e persoal de servizos. Evítanse así malos entendidos que son un atranco para o obxectivo común, que é a educación, e que so acadaremos se conseguimos remar todos no mesmo sentido”, asegura o director do IES, Carlos Villanueva

Antes da posta en marcha do programa, realizouse unha enquisa entre alumnado e profesores, para coñecer as súas propostas e inquedanzas. Este estudo demoscópico permitiu medir o clima educativo do centro, as preferencias e tamén constatar a idea xeralizada da comunidade educativa sobre a necesidade de mellorar a comunicación e a conexión do centro co resto da sociedade.

No referido á calidade educativa do centro, esta quedou reflectida na enquisa, e confirmada cos resultados formativos do centro: os alumnos do instituto de Tomiño que este ano se presentaron ás probas de selectividade acadaron un pleno, cun 100% de aprobados e unha nota media de 6,87.

Resultados da enquisa

A enquisa realizada no mes de maio a 476 alumnos e profesores do IES de Tomiño outorga unha alta puntuación ao ambiente e clima de estudios no centro. O estudio revela que os estudantes valoran o uso comunicativo das redes sociais e demandan maioritariamente máis información sobre estudios, carreiras e profesións. Tamén amosa un elevado desexo de implicación de rapazas e rapaces que solicitan poder organizar directamente eventos e actividades.