24 Out 2014 Tomiño pon en valor o xacemento romano de Currás

Concello Tomiño. Present. expo 1 rolda (Copy) Concello Tomiño. Present. expo 6 rolda (Copy)

Unha exposición con paneis explicativos, vídeos e as pezas atopadas máis representativas, poderá verse na Casa da Cultura, entre o 25 de outubro e o 9 de novembro

A mostra, que estará aberta todos os días en horario de mañá e tarde, complementarase con visitas escolares

Despois das actuacións arqueolóxicas realizadas no mes de xullo do ano pasado, no xacemento romano e altomedieval da parroquia tomiñesa de Currás, o Concello de Tomiño organiza a exposición “Tomiño Romano”, que terá lugar na Casa da Cultura entre o 25 de outubro e o 9 de novembro.

A mostra arqueolóxica, presentada este mediodía ante os medios de comunicación, dará a coñecer ao público en xeral os resultados dos traballos de recuperación e posta en valor do xacemento romano de Currás, levados a cabo por expertos da Universidade de Vigo, no mes de xullo do ano pasado, así coma do estudo dos resultados obtidos até o momento.

Concello Tomiño. Present. expo 3 rolda (Copy) Concello Tomiño. Present. expo 4 rolda (Copy)

Segundo explicou o investigador Fermín Pérez Losada, a mostra dará a coñecer o proceso levado a cabo a partir das sondaxes realizadas o ano pasado para a localización e revisión das estruturas arqueolóxicas descubertas en 1972, a clasificación e identificación de todos os materiais procedentes do xacemento (tanto os descubertos en 1972, coma os atopados en 2013, en total unhas 1800 pezas), así como a recompilación da información oral e gráfica sobre a historia da parroquia e da súa contorna.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra Gonzalez, pola súa banda, explicou que ao goberno local pareceulle interesante coñecer o estado no que se atopaba o xacemento despois de 40 anos dende a primeira escavación, realizada en 1972, “pero tamén consideramos importante que o público en xeral puidera coñecer os resultados destas accións e esa é a razón de que montaramos esta mostra”. A rexedora agradeceu a implicación do equipo investigador e tamén das entidades locais de Currás, coma a comunidade de montes e a asociación veciñal.

Concello Tomiño. Present. expo 2 pezas (Copy) Concello Tomiño. Present. expo 1 pezas (Copy)

A partir de paneis explicativos, vídeos e mostra das pezas arqueolóxicas máis representativas, a exposición permitirá coñecer en detalle o traballo desenvolto no marco do convenio de I+D asinado polo concello de Tomiño e o Grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, para a recuperación e posta en valor do xacemento.

Os responsables do proxecto e coordinadores de dita escavación foron Fermín Pérez Losada e Silvia González, investigadores da GEAAT.

A mostra complementarase con outras actividades de divulgación concertadas cos colexios da localidade e asociacións que o soliciten.

Á exposición poderá visitarse entre o 25 de outubro e o 9 de novembro, todos os días, en horario de mañá (11 a 14 horas) e tarde (17 a 20 horas).
Datos de interese
Naquela primeira investigación, levada a cabo nos primeiros anos da década dos setenta, descubríranse as estructuras dunha villae romana cun interesante hipocausto, dándose conta ademais da existencia dunha necrópole de época alto medieval.

Debido a falta de financiamento, o xacemento tapouse para a súa conservación, coa idea de que nun futuro fora reaberto e investigado en profundidade.

No 2013, corenta anos despois, o Concello de Tomiño en colaboración coa Universidade de Vigo, deu o paso para facer unha primeira exploración do xacemento e coñecer o estado das estruturas. Tan só pasaran 2 días e xa se atoparan as “pillaes” do hipocausto; un sistema de calefacción que constitúe un dos elementos máis representativos do xacemento a nivel galego.

 

 



X