Tomiño presenta a Senda do Miño en Madrid A alcaldesa, Sandra González, reuniuse co Subdirector Xeral para a Protección da Costa, Ángel Muñoz, acompañada polo concelleiro Uxío Benítez e pola xefa provincial de Costas de Pontevedra, Cristina Paz-Curbera

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reuniuse este xoves en Madrid co Subdirector Xeral para a Protección da Costa, Ángel Muñoz Cubillo, para presentarlle o proxecto da Senda do Miño, unha senda de 15 quilómetros de lonxitude á beira do río que prevé estenderse dende a ponte internacional da Amizade, en Tomiño, ata Tui.

A alcaldesa estivo acompañada na visita ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente pola xefa do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, Cristina Paz-Curbera; polo concelleiro de Planificación Territorial, Uxío Benítez, e por un dos técnicos redactores do proxecto.

Durante a reunión o Subdirector Xeral de Protección da Costa recoñeceu que se trata dun proxecto importante e interesante que se desenvolve “nunha zona de gran valor ecolóxico e medioambiental” e amosou a disposición do Ministerio a establecer puntos de colaboración no futuro.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño manifestou a súa satisfacción pola boa acollida do proxecto. “Dende o goberno local estamos moi satisfeitos porque é importante que un organismo público da relevancia do Ministerio nos dea o seu apoio, xa que serve para visibilizar non soamente o río Miño senón tamén o propio concello de Tomiño”, asegurou Sandra González tras a reunión en Madrid.



X