Tomiño presenta a súa Oficina Municipal de Igualdade

  • Silvia Rodríguez Fernández é a responsable do servizo e será a encargada de explicar os recursos dispoñibles
  • Os días 1 e 2 de decembro, celebrarase o obradoiro “Acción social fronte á violencia de xénero”, a cargo do colectivo ADAVAS

 

Os actos conmemorativos do 25 de novembro, organizados pola Oficina de Igualdade Municipal, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, continúan mañá, mércores 30 de novembro, coa charla-presentación da devandita oficina, co fin de informar sobre os recursos e servizos de asesoramento xurídico e asistencia a mulleres que presta o departamento, grazas a unha subvención da Deputación Provincial. Será ás 19 horas, na Casa da Cultura.

Silvia Rodríguez Fernández, avogada de profesión, é a responsable do servizo, que se presta luns e mércores, de 16.30 a 20.30 horas, nas instalacións dos Servizos  Sociais municipais, previa petición de cita no 986 622 002.

No primeiro mes de funcionamento a oficina, ademais de atender ao público, púxose en contacto con axentes sociais, coma asociacións de mulleres, instituto de ensino secundario, corpos de seguridade, etc. co fin de artellar un protocolo de actuación.

Por último, os días 1 e 2 de decembro, celebrarase o obradoiro “Acción social fronte á violencia de xénero”, a cargo do colectivo ADAVAS. Tamén na Casa da Cultura, a partir das sete da tarde.