Tomiño quere ser Mercado Excelente de Galicia. A directora xeral de Comercio e Consumo, visitou esta mañá o mercado, coincidindo coa publicación das bases para as subvencións

Con esta visita, a mandataria puxo coma exemplo de excelencia o mercado tomiñés, xa que este reúne todos os requisitos e condicións para optar ás axudas da Xunta

 

 

O Concello de Tomiño quere que o seu mercado municipal sexa un mercado excelente. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou esta mañá o mercado municipal de Tomiño, coincidindo coa publicación no DOG,da  Orde  de  12  de  abril  de  2017  pola  que  se  establecen  as  bases  reguladoras  para  a  concesión,  en  réxime  de  concorrencia  competitiva,  das  subvencións  aos  concellos galegos,  asociacións  e  cooperativas de persoas praceras dos mercados, para a consecución de mercados de excelencia.

 

Con esta visita, a mandataria pretendía por coma exemplo de bo facer ao mercado tomiñés, xa que este reúne, tras a súa reforma integral,  todos os requisitos e condicións para ser declarado mercado excelente.

 

Acompañada pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, varios concelleiros, e tamén polo xefe  territorial da consellería, Ignacio Rial, a directora xeral de Comercio, percorreu cada un dos postos do mercado tomiñés, espallados polas dúas plantas do edificio, aproveitando para falar cos praceiros e praceiras sobre a marcha dos seus negocios.

Durante a visita, Sol Vázquez, afirmou que “o de Tomiño é a día de hoxe, un dos mellores mercados dos 95 que existen en Galicia”.

A alcaldesa, pola súa banda, agradeceu á mandataria autonómica ter elixido Tomiño para facer esta visita, e afirmou sentirse orgullosa do que é na actualidade a antiga praza de abastos.

 

Coas últimas catro incorporacións, no primeiro andar, son xa 14 os postos que dan contido ao Mercado Municipal, edificio emblemático que foi obxecto dunha reforma integral hai un par de anos.

Deste xeito, o mercado completa a súa oferta gastronómica e de servizos, entre a que se pode atopar, ademais de produtos frescos ou non perecedoiros, degustación e venta de bebidas, tes, licores e doces; conservas naturais feitas de xeito totalmente artesanal, servizos de manicura e pedicuro, etc.

Con respecto ás axudas publicadas hoxe no DOG, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará un total de 900.000,00 euros, para a mellora dos recintos onde se desenvolva o comercio non sedentario e a posta en marcha de actuacións que permitan aos mercados, aproveitar as sinerxías xeradas polo Camiño de Santiago”. Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao de publicación no Diario Oficial de Galicia, é o tempo que hai para solicitar as subvencións.