Tomiño recibe a visita dos técnicos dos proxectos de cooperación SmartMiño e Visit Río Minho, impulsados pola Deputación de Pontevedra A alcaldesa Sandra González, faloulles da Axenda Estratéxica de Cooperación Cerveira-Tomiño, e doutras iniciativas conxuntas

O Concello de Tomiño recibiu onte a visita do equipo técnico dos PROXECTOS SMART MIÑO E VISIT RIO MINHO da Deputación de Pontevedra, co fin de potenciar a cooperación transfronteiriza. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González,  faloulles da Axenda Estratéxica de Cooperación Cerveira-Tomiño, e doutras iniciativas conxuntas,  coma o Orzamento Participativo Transfronteirizo ou as Valedoras da Cidadanía Transfronteirizas.

Tras comer no Mercado Municipal de Tomiño, os técnicos foron recibidos por Fernando Nogueira, presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, onde visitaron o Parque Transfronteirizo “O Castelinho” e o Aquamuseu.

O equipo, acompañado polo deputado provincial e concelleiro tomiñés Uxío Benítez, visitará tamén Melgaço, Arbo, Monçao e Salvaterra para coñecer directamente os recursos e o espazo xeográfico de desenvolvemento dalgunha das accións de ambos os proxectos.