TOMIÑO RECIBE DO CONSORCIO PROVINCIAL CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO, DETECTORES DE FUME DOMÉSTICO A alcaldesa agradeceu esta importante axuda e explicou que os dispositivos, se entregarán a persoas maiores, dependentes ou con dificultades especiais

A Guarda, Oia, O Porriño, O Rosal, Salvaterra, Tui e Tomiño, recibiron esta mañá os detectores para os concellos no marco do proxecto europeo ARIEM 112

O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, xunto ao director xeral de Emerxencias, Luis Menor, en representación da Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, entidades que participan ao 50% no Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, fixeron entrega esta mañá de arredor de tres mil detectores de fume doméstico, enmarcados no proxecto europeo ARIEM 112, á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleiras e concelleiros da Guarda, Oia, O Porriño, O Rosal, Salvaterra, Tomiño e Tui.

Carlos López Font puxo en valor este acto “que xorde da cooperación institucional que se da ao 50% entre a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través do Consorcio para dar resposta a estatísticas que indican que o 75% das vítimas producidas en vivendas son menores de 5 anos e anciáns maiores de 65 anos, polo que un detector de fume adecuadamente instalado no fogar dobra as posibilidades de saír con vida dun incendio”.

Deste xeito, tal e como destacou Font, “entregamos en torno aos 3.000 detectores, no marco do proxecto europeo ARIEM, aos concellos da Guarda, Oia, O Porriño, O Rosal, Salvaterra, Tomiño e Tui, amais dos que facilitamos xa aos concellos de Arbo, Crecente e As Neves para previr situacións de risco”. O deputado provincial engadiu que no marco deste proxecto europeo, o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento tamén recibiu outros elementos destinados a previr incendios como cámaras de visión térmica, carros de aire e diferentes equipamentos por valor de 300.000 euros.

Os detectores de fume domésticos, segundo explicou Carlos López Font, serán distribuídos polos concellos da provincia beneficiarios da iniciativa en función das necesidades e criterios determinados polos seus servizos sociais. Font asegurou que a entrega dos detectores será “casa por casa e irá acompañada dunha labor de concienciación dirixida ás persoas maiores, que viven soas e están en situación de dependencia”. Tamén indicou que durante a entrega se lles explicará como funcionan os detectores que, precisamente polo público ao que van dirixidos, teñen fácil mantemento e instalación.

Pola súa banda, Luis Menor subliñou que “esta entrega de detectores de fume, no marco do proxecto europeo de cooperación en materia de emerxencias transfronteiriza trátase dunha política de prevención, destinada á poboación maior de 65 anos, persoas que viven soas ou dependentes, que compartimos a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra”. Menor puxo en valor a importancia destes elementos destacando o seu papel “en prol da seguridade da cidadanía”.

Por último, a alcaldesa Sandra González, agradeceu esta importante axuda, tras acudir ao acto de entrega, celebrado no Pazo Consistorial este mediodía. A rexedora explicou que os dispositivos, se entregarán a través da área de servizos sociais, a persoas maiores, dependentes ou con dificultades especiais.



X