Tomiño redacta o seu propio Plan de Accesibilidade

Para a elaboración do instrumento o Concello contrata a técnicos especializados en temas de humanización e eliminación de barreiras arquitectónicas de COGAMI

De der a esq, Uxío Benítez, Anxo Queiruga, alcaldesa, Marcos Casaleiro e Miguel Pazo DSC_0365 (Copy)

Este mediodía tivo lugar no Concello de Tomiño a presentación do Plan de Accesibilidade do Concello de Tomiño, que se levará a cabo coa participación de COGAMI (Confederación Galega de persoas con discapacidade) e veciños do municipio con discapacidade física.

A idea da creación deste plan vense traballando dende hai tempo no seo dunha comisión impulsada dende o Concello e na que están presentes membros de Vontade (Asociación de persoas con discapacidade, con sede en Tomiño) e veciños con discapacidade física, que van colaborar na redacción e desenvolvemento do plan.

Presidiron a presentación de hoxe a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, acompañados polo presidente de Vontade, Miguel Pazo; o concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez, a técnica Luisa Miranda, especializada en accesibilidade e outros membros de Cogami e Vontade, implicados na redacción do plan de actuación.

Alcaldesa e Anxo Queiruga Alcaldesa, Anxo Queiruga e Uxío Benítez

O concello de Tomiño contratará os servicios de técnicos de Cogami para a realización deste plan, que virá corrixir os problemas de barreiras arquitectónicas existentes na actualidade nos cascos urbanos de Tomiño e Goián e equipamentos públicos, levando á prácticas as correspondentes medidas correctoras.
En principio fixáronse 82 puntos de actuación espallados por todo o municipio, nos que se concentra a vida veciñal, coma centros culturais, torreiros de festa, palcos de música e outros equipamentos públicos.
As accións comezarán polos cascos urbanos do Seixo e Goián, continuando logo polas parroquias, diferenciando entre itinerarios y accesos.
A alcaldesa de Tomiño explicou en primeiro lugar como xurdira a idea de facer este plan de accesibilidade. Neste sentido, comentou que foron dous usuarios de Vontade con discapacidade física (Marcos Casaleiro e Fabián De Saa) os que plantexaron a necesidade de contar cun instrumento deste tipo na vila. A súa colaboración resultou igualmente moi importante na localización dos puntos de actuación prioritarios. “Á esa iniciativa sumouse a preocupación deste goberno local de traballar na humanización do concello; tarefa que vén facendo dende hai tempo, en todas as obras que se acometen”, comentou a rexedora.
Anxo Queiruga, pola súa banda, agradeceu o interese do Concello de Tomiño por temas de mobilidade das persoas con discapacidade, e salientou o feito de que se inclúa o rural no mesmo plan que os cascos urbanos, dando á xente das parroquias a oportunidade de ter unha convivencia máis normalizada.
O concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez, lembrou as actuacións que no eido da accesibilidade, leva feito o equipo de goberno, citando coma exemplos, o propio Concello, situado na Praza do Seixo, a Praza de Abastos, a da Mina, rúas novas e rúa A Guarda, Aula Antonio Fernández e Avenida Ordóñez, en Goián, etc. O edil incidiu, asemade, na necesidade dunha maior concienciación respecto deste tema na sociedade.