Tomiño reforma o patio da Escola Infantil do Seixo, cun pavimento ignífugo e antivandálico descoñecido en Galicia

  • A actuación tivo coma eixo central a valorización dun carballo existente no xardín, converténdoo no punto principal ao redor do cal organizouse o espazo
  • A reforma tivo un custe de 21.551,20 euros, con cargo ao Plan Concellos 2016, da Deputación de Pontevedra e tivo un prazo de execución de un mes

 

O Concello vén de reformar o patio e espazo exterior da Escola Infantil do Seixo, onde concorren uns 40 nenos e nenas de 0 a 3 anos.

A reforma consistiu nunha reordenación do espazo exterior con fin de mellorar e optimizar o seu uso, tendo sempre en conta as necesidades e escala dos nenos.

A intervención tivo coma eixo central a valorización do carballo existente no xardín, converténdoo no punto principal ao redor do cal, organizouse o espazo.

Na maior parte da superficie, colocáronse pavimentos naturais como son a herba, terra, area e madeira e tentáronse crear relacións visuais con nenos de Educación Infantil e Primaria do centro situado xusto ao lado do edificio. “Estes son algúns dos puntos nos que se baseou o proxecto”, explica o arquitecto responsable, Xavier Pousa.

Sinala que en substitución das baldosas de caucho, colocouse un pavimento continuo denominado Childsplay, similar ao céspede artificial, que ten as mesmas ou mellores propiedades amortecedoras que o caucho, pero que ademais “é moi agradable ao tacto, drena moi rápido, non se quenta co sol directo, non arde, é antivandálico, non desprende olores, no se disgrega, é moi resistente e duradeiro, require pouco mantemento e é antigraffiti”.

Segundo o técnico, este pavimento leva mais de dez anos instalándose en parques infantís do Pais Vasco, Madrid e Cataluña pero é a primeira vez que se instala en Galicia. “É unha alternativa moi boa aos pavimentos de caucho”, advirte.

A reforma tivo un custe de 21.551,20 euros, con cargo ao Plan Concellos 2016, da Deputación de Pontevedra e tivo un prazo de execución dun mes.

Segundo lembra a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, esta obra enmárcase dentro da liña de traballo do equipo de goberno tomiñés, preocupado por investir en educación e na mellora das instalacións, aínda que estas non sexan competencia directa da administración local.

A oferta da escola do Seixo compleméntase dende este curso, coa da escola infantil de Goián, con capacidade para 60 nenos e nenas de 0 a 3 anos; un tramo de idade que representa máis do 3 por cento da poboación total de Tomiño.