Tomiño rema para descubrir as fortalezas dende outro punto de vista

Gran éxito do primeiro roteiro en kaiak polo Miño para descubrir as fortalezas ribeireñas, dentro do programa de actividades “Tomiño único”.

Onte tivo lugar a segunda actividade da programación “Tomiño único” que está a percorrer o territorio do municipio e pondo en valor o patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico, etnográfico e panorámico do concello.

Nesta ocasión o roteiro deixou atrás a terra para por os pes enrriba de un kaiak e gozar dunha visita diferente: as fortalezas ribeireñas dende un kaiak. A actividade, promovida pola Concellería de Turismo, Patrimonio e Mocidade do Concello de Tomiño, tivo unha gran aceptación e as prazas dispoñibles esgotáronse en poucas horas.

As persoas participantes visitaron a Fortaleza de San Lorenzo de Goián, e a súa contorna comprendida no Espazo Fortaleza, e a Fortaleza de Vilanova de Cerveira, así como outros restos arquitectónicos da zona. Ademáis, moitos deles primerizos no kaiak, tiveron unha primeira toma de contacto co mundo do remo e aprenderon as nocións básicas necesarias para desenvolverse con seguridade a bordo dun kaiak.

A programación continua o vindeiro mércores 10 de agosto cunha actividade que tamén destaca pola súa orixinalidade. Baixo o nome “Ouro, estrelas e lobos” as persoas participantes poderán gozar das Bágoas de San Lourenzo e visitar as antigas minas de ouro e as mámoas da parroquia de Pinzás. As persoas interesadas deberán achegarse ás 19:30 do 10 de agosto até a Igrexa de Pinzás.