Tomiño saca a licitación a concesión dos postos da praza de abastos de Goián Foi publicado este martes 12 de decembro no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este martes 12 de decembro a licitación para a concesión de uso dos catro postos de venta situados na recentemente remodelada praza de abastos de Goián, pensados para dotar ao mercado dos servizos dunha carnizaría, unha peixaría, unha froitaría e unha floraría.

Estes postos sácanse a concurso por 15 anos e o prazo de presentación de ofertas rematará aos 10 días seguintes á publicación do anuncio no BOP, o vindeiro 22 de decembro inclusive. As proposicións deben presentarse no Rexistro Xeneral do Concello de Tomiño, na Praza do Seixo.

Todas as persoas interesadas en participar nesta licitación poden consultar as bases e solicitar información ata o día de remate do prazo de presentación de propostas no perfil do contratante do concello de Tomiño, www.concellotomino.com ou www.contratosdegalicia.com, no apartado do Concello de Tomiño ou do Perfil do contratante.

A remodelación do Mercado de Goián contou cun investimento total de 109.557 euros, dos que 70.000 foron achegados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dunha axuda aprobada dentro da convocatoria ‘Espazos de Emprendemento Comercial no Rural’.

As obras serviron para modernizar o espazo interior da praza de abastos e facer pequenos cambios no exterior, tanto no pórtico para darlle accesibilidade ao local como na terraza para arranxar deficiencias de desgaste. A remodelación tamén permitiu abrir novos ocos de paso, crear unha illa central e axeitar unha parte das instalacións a outros usos relacionados coa cultura e a cohesión social.

O obxectivo era dar unha nova vida ao mercado municipal, “reciclando o seu interior e adaptándoo ás necesidades funcionais, espaciais e sensoriais adecuadas para o tempo no que vivimos”, humanizando o espazo e facéndoo atractivo tanto para os usuarios como para os comerciantes, para que vexan na praza de abastos un recinto de oportunidades.