Tomiño soará esta fin de semana a folk no arranque de ‘O son da praza’ O festival Barrantes Folk será a primeira cita musical das sete programadas ao abeiro deste ciclo de música que terá a Praza do Seixo como escenario

Tomiño énchese de música. Este sábado 14 de xullo arranca unha nova edición de ‘O son da praza’, un ciclo que converterá a Praza do Seixo nun gran escenario polo que pasarán máis dunha ducia de artistas e grupos musicais. Todas as actuacións están dirixidas a público familiar, comezarán a partir das 22.30 horas e a entrada será de balde.

Inauguración co Barrantes Folk

A programación de ‘O son da praza’ comezará este mesmo sábado 14 co Barrantes Folk, un festival organizado pola Banda de Gaitas de San Vicente de Barrantes e patrocinado pola Asociación Veciñal de San Vicente de Barrantes no que se convidan a diferentes bandas de folk que namoren ao público. Nesta edición, xunto coa banda organizadora, subirase ao escenario o Grupo Folk A Bouzavella de Ponteareas.

A seguinte cita deste ciclo musical será o sábado 21 de xullo coa celebración do XXV Encontro dos pobos, organizado polo Grupo de Baile e Gaitas Do Lusco ó Fusco. Nesta ocasión participarán neste festival internacional ademais do Grupo de Baile Virxe do Alivio de Tomiño a Asociación VAL de Piran (Eslovenia) e a Agrupación Cultural Cuelebre de Lugones (Asturias).

Xullo rematará cun dos pratos fortes de ‘O son da praza’: o concerto de Ses (sábado 28 de xullo). A cantora coruñesa presentará o seu último traballo de estudo, ‘Readmirando a condición’, no que converte vellos temas en novos sons e no que inclúe un tema inédito e homónimo.

En agosto xa será a quenda de Galicat Jazz Quartet (domingo 5); da fusión de tradicións musicais do mundo de Sonus de Gaia (sábado 11); da mestura de voces de Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Miguel Ladrón de Guevara no Ei Cantar coa música da Agrupación Musical de Goián (venres 24) e a musicalización de poetas célebres do quinteto feminino A banda da loba (venres 31).

Cine ao aire libre

Pero a música non é a única protagonista esta semana en Tomiño, que programou para este verán unha axenda con máis de 50 actividades culturais para todos os públicos. Este venres 13 de xullo continúa o ciclo de cine ao aire libre coa proxección de ‘La abeja Maya’, unha película para toda a familia. A actividade celebrarase na Praza da Mina a partir das 22.30 horas. A entrada é de balde.

O cine ao aire libre continuará durante todo o mes coa proxección dos filmes ‘Una familia feliz’ (venres 20 na Praza do Seixo) e ‘La razón de estar contigo’ (venres 27 na Praza da Mina). Todas as sesións están dirixidas a público familiar, comezarán ás 22.30 horas e terán entrada gratuíta.



X