Tomiño tínguese de negro contra as violencias O municipio vístese de loito co gallo da campaña de sensibilización que conmemora o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Aínda que o morado é o color que soe tinguir o 25 de novembro este ano Tomiño conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres vestido de loito.

Ata o vindeiro domingo 26 de novembro, escaparates, rúas, edificios públicos, redes sociais e mesmo a roupa de traballo de moitos comerciantes tínguense de negro en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte.

Esta iniciativa enmárcase na campaña de sensibilización ‘En negro contra as violencias’, unha iniciativa á que este ano se adheriu o Concello de Tomiño xunto a outros 74 municipios e tres deputacións de toda Galicia para visibilizar e denunciar o máximo expoñente da desiguadade que sofren as mulleres, a violencia de xénero.

Dende o Concello queren invitar a toda a cidadanía a participar nesta campaña e a acudir este venres 24 de novembro á lectura do manifesto que terá lugar ás 12.00 horas na Praza do Seixo con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Un manifesto conxunto que supón o colofón final a unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas capaz de implicar ao tecido asociativo, económico, cultural, educativo e social de cada concello como resposta colectiva ante as violencias.

Todos os tomiñeses e tomiñesas están convidados a participar tamén na sesión de ‘Contacontos pola igualdade’ que se celebrará no Mercado Municipal de Tomiño o sábado 25 de novembro a partir das 19.00 horas. A programación co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres rematará co espectáculo e obradoiro ‘Contamos todas’, que levará a cabo Tropa de trapo o 28 de novembro no IES Antón Alonso Ríos e que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra.