Tomiño volverá a ser punto de encontro do sector do viveirismo en Galicia

A 12ª edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño, organizada por AcuBam e o Concello, será os días 28 e 29 de marzo, en Goián

faldón Mostra 2015

Como cada ano, nesta ocasión cun mes de adianto, terá lugar no Pavillón Municipal de Goián, a 12ª edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño, un evento que reúne a todos os sectores do mundo do viveirismo: planta ornamental, flor cortada, transporte, horta, fruticultura e empresas auxiliares.

Organizada por AcuBam (Asociación Cultivos Baixo Miño) e o Concello, a feira celebrarase os días 28 e 29 de marzo.

Na edición de 2014 celebrouse, por primeira vez, unha xornada dirixida exclusivamente aos profesionais, con gran éxito de participación.

Polo mesmo, este ano, a xornada do sábado volve centrarse no público profesional, que poderá realizar visitas aos centros de produción da comarca, de forma individual ou en grupos concertados, coñecendo de primeira man as principais empresas do sector.

O prazo de inscrición para expositores está aberto xa (até o 28 de febreiro) e o trámite pode realizarse en liña desde www.acubam.es ou contactando coa asociación nos teléfonos 609805428 ou 628174489, ou ben, enviando un correo electrónico a acubam@acubam.es

Datos de interese

Segundo datos aportados por AcuBam, o 75% da planta galega que se exporta é producida nos viveiros da comarca do Baixo Miño.

A distribución dos cultivos faise principalmente en España (60 %) e o 40% restante vai para o estranxeiro. Portugal, Francia, Reino Unido, Italia, Bélxica, Holanda, Alemaña e Suíza son os principais importadores desta produción.