TRINTA VIVEIRISTAS DA COMARCA AMOSARÁN A SÚA PRODUCIÓN NA XI MOSTRA DE CULTIVOS DO BAIXO MIÑO

A feira, presentada esta mañá en Goián (Tomiño), terá lugar a fin de semana do 26 e 27 de abril e reunirá a produtores de planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería e empresas auxiliares do campo

Unha trintena de produtores do mundo do viveirismo (planta ornamental, flor cortada, horta, xardinería) e empresas auxiliares do campo, daranse cita na décima primeira edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño, a vindeira fin de semana (26 e 27 de abril), no pavillón polideportivo de Goián (Tomiño).

Organizada por Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño) en colaboración co Concello de Tomiño, a feira abarcará unha superficie total de 1500 metros cadrados de exposición e venda.

Esta mañá, tivo lugar nos locais de Coplant S.L. –unha das empresas asociadas- a presentación da mostra aos medios de comunicación, na que estiveron presentes membros da directiva de Acubam e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Segundo salientou na oportunidade o presidente de Acubam, José Cosmed, a presente edición terá importantes novidades, coma que a xornada do sábado 26, se adicará exclusivamente a profesionais do sector, mentres que a do domingo, será para público en xeral.

Outra importante novidade é que este ano se organiza, por primeira vez, unha ruta guiada por oito viveiros da zona, co fin de que os visitantes (profesionais) poidan coñecer in-situ a produción do sector, e ampliar a súa visión do que ven exposto na mostra.

Outra curiosidade é que nesta edición contarase cun xardín especialmente traído dende o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, e que será unha das principais atraccións deste ano.

José Cosmed, salientou, asemade, a importancia que ten para os produtores e comercializadores do Baixo Miño, seguir mantendo esta mostra, única no seu tipo en Galicia, xa que “pon de releve que o Baixo Miño é unha zona de referencia do sector en todo o país”. Explicou tamén que a formación de Acubam, foi posible grazas á consolidación da mostra de cultivos. “Despois de dez anos de mostra, démonos conta de que non se podía seguir facendo so un traballo dun fin de semana”, comentou, salientando a importancia de dar a coñecer o traballo que se fai nos viveiros da comarca e o que representan na economía da mesma. Nesta liña, lembrou as actividades de sensibilización que se están levando a cabo nos centros educativos de primaria e infantil de Tomiño, a través do proxecto, impulsado por eles, “As nosas amigas, as plantas”.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, reiterou “o apoio incondicional” do Concello a esta mostra, e agradeceu a implicación dos produtores na organización de mesma, resaltando a importancia cada vez maior que o sector ten a nivel económico e comercial.

A organización comunicou que conta coa presenza da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo, na inauguración da mostra, aínda que a mesma aínda non está de todo confirmada.

O sector dos cultivos na comarca do Baixo Miño, xera máis de 500 empregos directos (70% deles femininos) e máis de 200 indirectos. Na actualidade, adícanse unhas 600 hectáreas ao cultivo de planta ornamental e flor. A distribución da produción faise en España (60 %) e no estranxeiro (40 % restante), cunha facturación anual que supera os 55 millóns de euros.

PROGRAMA:

Sábado 26 Abril | XORNADA PROFESIONAL

HORARIO: 12.00h a 20.00h

12.00h INAUGURACIÓN OFICIAL

Todo o sector de cultivos do Baixo Miño viviu unha profesionalización e expansión nos últimos anos e buscamos neste día ampliar relacións comerciais que nos permitan chegar máis aló.

A xornada permitirá un maior coñecemento das empresas expositoras.

PORTAS ABERTAS

Seis dos nosos socios abrirán as súas instalacións para que, quen o desexe, visite as súas empresas. Brotes, Coplant, Río Tollo, Vidaplan, VBM, Cultivos Amado, Viveiros Nilo e planIDga permanecerán abertas todo o sábado 26.

A visita pode ser libre ou nas rutas programadas pola organización da Mostra de Cultivos en autobús.

 

Domingo 27 Abril | PÚBLICO XENERAL

HORARIO: 10.00h a 20.00h

 

ACTIVIDADES

12.30h Praza dá Preta

Inauguración da escultura de Carlos Fernández en honra de Juan Peixoto Carreira, como xerme do viverismo en Tomiño.

17.00h Vai ser boa!

Espectáculo musical infantil da compañía Migallas Teatro

20.00h Clausura

E ademais…

  • Tallado de madeira con motosierras | Patrocinado por Talleres O Milagre
  • Actividades Infantís | Dirixidas por un monitor de tempo libre
  • Exposición de escultura co viverismo como temática | Ignacio Moure, Xuxo Malone, Luís Álvarez, Carlos Fernández, Carlos Fierro, José dá Silva, Anxo Ferreira, Genaro Alonso, Adrián Pena, Francisco Liquito, Madalena Maceda, Xabi Garrido e José Luís Rodríguez.
  • Exposición de Bonsais | Javier González