Trinta viveiros de Galicia e Norte de Portugal amosarán as novidades do sector na XIV Mostra de Cultivos do Baixo Miño

Os produtores de planta ornamental, flor cortada, fruticultura e empresas auxiliares do campo, aproveitarán, coma cada ano, para dar a coñecer a súa produción

 

As actividades lúdicas e recreativas, así coma as xornadas técnicas, son outros puntos fortes desta 14ª edición

 

Hai xa 14 anos, viveiristas de Tomiño comezaron, xunto ao Concello, a organizar unha feira de cultivos, onde fora posible reunirse e presentar o resultado do seu traballo, as novidades do sector, as innovacións… Despois de moito esforzo loxístico, institucional e empresarial, a Mostra de Cultivos do Baixo Miño, converteuse nun evento de referencia en Galicia e Norte de Portugal.

 

Este mediodía tivo lugar a presentación da XIV edición no Auditorio de Goián, xunto ao cal se atopa o Pavillón Multiusos, onde ten lugar o evento. No acto compareceron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta de acuBam (Asociación de Cultivos do Baixo Miño), Patricia Rodríguez; o concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione e representantes da asociación e de distintos viveiros presentes na Mostra.

 

A alcaldesa reiterou o apoio incondicional do Concello á Mostra de Cultivos, e rememorou os comezos da feira, cando uns cantos viveiristas da zona, quixeron dar a coñecer o que é hoxe o motor económico do municipio. Asemade, anunciou que a inauguración (sábado 4 de marzo, ás 12.30 horas) contará coa presencia da Directora  Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias, Belén María do Campo Piñeiro e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ademais de deputados provincias, alcaldes da comarca, etc.

A presidenta de acuBam, pola súa banda, agradeceu o traballo de organizadores e colaboradores para que a Mostra, na que participan máis de 30 expositores, sexa hoxe un punto de encontro do sector, coas últimas novidades en planta ornamental, flor cortada, maquinaria do campo, etc. Neste senso, agradeceu especialmente a colaboración económica e loxística do Concello, que fai posible a celebración do evento. Patricia Rodríguez referiuse ademais á labor de sensibilización que se vén facendo nos últimos anos, co proxecto didáctico “As nosas amigas, as plantas”, co fin de amosar o mundo da agricultura a máis de 600 escolares do concello.

Seguidamente, a presidenta da asociación, referiuse ao programa desta edición, dentro do cal salientou as xornadas técnicas do sábado e as actividades lúdicas e recreativas do domingo (xuntamos programación).

Por último, agradeceu a presencia na Mostra de colaboradores coma Agaexar, Iberflora ou o Concello de Allariz, organizador do Festival Internacional de Xardíns, así coma a de A participación de varios viveiros portugueses e doutros puntos de Galicia.

 

Óscar Vaquero, secretario de acuBam, salientou a labor de innovación que están a levar a cabo dende a asociación e que consideran fundamental para o crecemento do sector na comarca. Neste senso comentou que o stand de innovacións será un dos máis importantes nesta edición, con 11 proxectos presentados en temas de filtración de augas, planta ornamental e maquinaria específica, entre outros.

Entre os obxectivos xerais dos organizadores está, segundo explicou Vaquero, o de seguir criterios sostibles nas súas producións, con boas prácticas agrícolas e lograr unha conexión co entorno máis próximo, participando en proxectos educativos para a infancia e mocidade.

 

Este ano o comité organizador decidiu adiantar a celebración da 14ª edición ao sábado 4 e domingo 5 de marzo (habitualmente facíase en abril) co fin de facilitar a asistencia de público profesional, nunhas datas que non son de plena campaña para o sector verde.

A décimo terceira edición pechou as súas portas coa visita de máis de 3000 persoas e un incremento do volume de negocio e contactos comerciais superior ao 40%, con respecto ao ano anterior; cifras que a organización agarda superar esta fin de semana.