Un centenar de nenos e nenas comezaron a súa aventura no campus de fútbol A sétima edición comezou esta semana, e estenderase até o sábado 28 de xullo, nos campos de fútbol da Carballa e do Regatiño

A Concellaría de Deportes do Concello de Tomiño inaugurou este luns, o sétimo Campus de Fútbol de Verán, que se estenderá ao longo de dúas semanas; concretamente até o sábado 28, de maneira simultánea nos campos municipais de fútbol de A Carballa (Tomiño) e O Regatiño, de Goián.

Un total de 77 nenos e 8 nenas recibirán clases teórico-prácticas para aprender técnicas futbolísticas e gozar coa práctica do deporte.

A actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos, é impartida de luns a venres en horario matinal (10.00 a 13.30 horas). A maioría dos participantes son de Tomiño, aínda que tamén os hai doutros concellos da zona.

A primeira parte da xornada dedícase a exercizos de quecemento, estiramentos e xogos cooperativos, de forma de afianzar a relación entre os participantes, divididos en grupos, segundo a idade.

Logo da merenda, comezan as clases teórico-prácticas e os partidos. Ademais, lévanse a cabo actividades complementarias, coma charlas sobre nutrición e educación vial, ou a visita dun recoñecido futbolista.

Asemade, realizaranse actividades relacionadas coa igualdade de xénero, impartidas por unha psicóloga; un obradoiro de cociña saudable , e por último, e moi importante, un obradoiro de violencia de xénero e outro de acoso escolar, ambo os dous impartidos polo sarxento da Garda Civil de Tomiño.

 

Máis actividades

A Concellaría de Deportes do Concello de Tomiño, ademais do Campus de Fútbol, organiza coma en anos anteriores durante os meses de xullo e agosto, os campus de tenis e padel, piragüismo e outros deportes náuticos.

Asemade, hai cursos de pilates en familia na Fortaleza de Goián, rutas turísticas e etnográficas (Tomiño Único), sen esquecer o campamento urbano, ao que asisten máis de 70 nenos e nenas.

A ampliación da oferta deportiva e lúdica responde, segundo explica o concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, ao ánimo de ofrecer á veciñanza un ocio de calidade, ofertas deportivas diferenciadas para fomentar o deporte de base, e ao mesmo tempo, axudar ás nais e pais que traballan fora de casa, a conciliar a vida laboral e familiar.

 

 

 

 



X