20 Xul 2016 Un verán de fortalezas e petroglifos en Tomiño

O Concello pon en valor o seu patrimonio arqueolóxico e arquitectónico cun programa de actividades de balde para toda a familia

O vindeiro mércores 20 de xullo comezan as actividades do programa “Tomiño Único”, unha programación que durante todos os mércores do mes de xullo e agosto achegará aos participantes o patrimonio arqueolóxico e arquitectónico de Tomiño. Os petroglifos e as fortalezas centrarán este programa que está dirixido a toda a familia, e que a través de roteiros e travesías en kayak permitirá ás persoas participantes descubrir os vestixios dun Tomiño doutra época e pasar un bo rato en boa compañía, aprendendo sobre o patrimonio arqueolóxico e arquitectónico tomiñés.

O Monte Tetón, un dos escenarios elexidos para o programa, situado na parroquia tomiñesa de Tebra, alberga un dos conxuntos de arte rupestre máis importantes de Europa. Os petroglifos de Portaxes e Real Seco ofrecen á persoa visitante un repertorio iconográfico de representacións circulares con grabados de 4000 anos de antigüidade e os máis grandes de Europa atopados até o momento.

As fortalezas ribeireñas serán protagonistas tamén neste programa, onde os participantes poderán descubrir os fortes de Tomiño e a súa historia. O Espazo Fortaleza, que comprende a contorna e a antiga Fortaleza de San Lourenzo na parroquia de Goián será un dos enclaves do programa.

Os roteiros son de balde e terán unha duración de 3 horas. Están dirixidos a todolos públicos e non é necesario inscribirse, basta con achegarse ao punto de encontro. Recoméndase levar calzado cómodo, roupa de abrigo e bebida.

Programa completo de actividades: Programa Tomiño único

Máis información:

cultura@tomino.gal
986 622 003



X