Unha ducia de persoas participa na limpeza dun tramo da ribeira do Miño A actividade, organizada polo Grupo de Voluntariado de Tomiño, tivo lugar ao longo de varios quilómetros da ribeira fluvial

Unha ducia de persoas dedicaron esta semana varias horas do seu tempo libre a limpar a ribeira do Miño ao seu paso por Tomiño. A actividade de interese medioambiental “Recollida de lixo en Kayak”, contou coa organización do Grupo de Voluntariado, desenvolvéndose entre as 11 e as 14 horas, aproximadamente.

Debido ao éxito desta actividade en anos anteriores, a limpeza en kayak volveu a organizarse este verán, e tamén con éxito de participación. Cada persoa (maiores de 18 anos) levou consigo un saco grande de lixo que, ao remate do traxecto, na praia fluvial de Goián, abriuse para seleccionar os residuos e depositalos nos colectores axeitados, con axuda da xente alí presente, e coa finalidade de concienciar e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da reciclaxe.

As persoas que desexen participar coma voluntarias, poden darse de alta na OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), beneficiándose dunha serie de vantaxes.



X