Unha empresa de novos emprendedores posibilita que o Internet de alta velocidade chegue ao rural de Tomiño e Tui Ambos Concellos e as comunidades de montes facilitaron a instalación da tecnoloxía necesaria para que a inmensa maioría das vivendas de todas as parroquias poidan chegar ata 20 megas

Por fin. Despois de moitos anos sufrindo velocidades de Internet moi baixas e incluso inexistentes, todas as vivendas de Tomiño e Tui, incluidas a totalidade das súas parroquias e os núcleos máis rurais, xa teñen acceso a una rede de alta velocidade. Fibralar, empresa afincada na comarca do Baixo Miño e dirixida por emprendedores novos, xa finalizou a instalación dos nodos e repetidores en diversos puntos de ambos municipios para que a inmensa maioría das vivendas poidan acceder a un servizo de Internet de ata vinte megas.

Dous dos socios de Fibralar, Rafael Fernández e Marcos Figueiras, informaron onte dos pormenores da operación nunha reunión que mantiveron coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione e o rexedor de Tui, Carlos Vázquez Padín. Tamén estivo presente o presidente da comunidade de montes de Tomiño, Enrique Gándara. Ambos  Concellos e os comuneiros tanto de Tomiño como de Barrantes deron todas as facilidades para extender a rede de Fibralar sen custe algún. “Quero destacar as facilidades e o desinterés económico das comunidades de montes para que a veciñanza poida ter por fin altas velocidades de Internet. Era una reclamación histórica”, asegurou Antonio Tartaglione. A alcaldesa tamén quixo resaltar a importancia económica deste feito pois a mala calidade de Internet xa non será un problema para que as empresas se asenten en Tomiño.

Fibralar pon a disposición da veciñanza tarifas de entre seis a vinte megas. Ata agora, os núcleos rurais só podían conectarse a Internet a través de conexións por satélite ou ADSL de moi baixa calidade debido á distancia á que se atopaban os repetidores, e sempre a velocidades extremadamente reducidas.