UNHA EXPOSICIÓN amosa dende onte en Pontevedra, OS 24 PROXECTOS DO CONCURSO INTERNACIONAL DE IDEAS PARA A PONTE PEONIL ENTRE TOMIÑO E CERVEIRA Uxío Benítez informou que a mostra itinerante visitará proximamente os concellos de Tomiño e Cerveira

Carmela Silva fixo un chamamento aos gobernos de España e de Portugal para que “acheguen os recursos necesarios para o proxecto” e pediu ás administracións “axilidade cos informes sectoriais”

Uxío Benítez lembrou o respaldo que as institucións europeas lle están a dar á idea “innovadora e diferente” de crear o primeiro parque transfronteirizo da península

O Concurso internacional de ideas para a construción da nova ponte peonil entre os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira está a dar os seus últimos pasos cunha exposición para mostrar ao público os 24 proxectos admitidos ao certame, entre os que destacan as tres propostas finalistas: ‘Raia’, de Álvaro Siza e Jorge Amorim Nunes da Silva; ‘Caminho do rio’ de Javier Zubia e Paula Teles; e ‘Una línea sobre el Miño’ das sociedades Burgos & Garrido e Bernabeu Ingenieros.

Na inauguración da mostra, que estará no vestíbulo da Deputación de Pontevedra ata o 4 de maio, estiveron presentes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, acompañados pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o vicepresidente de Cerveira, Víctor Costa e representantes das tres propostas gañadoras.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, asegurou que dende a Deputación de Pontevedra hai unha gran satisfacción, “tanto a nivel político como técnico, ante o alto nivel e a diversidade de países que participaron neste concurso internacional”, polo que precisamente “cremos que era necesario non só visibilizar aos tres gañadores, que terán moitas opcións de ser visibles de agora en diante, senón a todos os proxectos admitidos”. Así mesmo, apuntou que esta exposición itinerante -que visitará proximamente os concellos de Tomiño e da Câmara de Vilanova de Cerveira- está a espertar grande interese, xa que institucións como o Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia teñen solicitado contar con ela.

Benítez lembrou que o concurso internacional de ideas está incluído dentro do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Visit Rio Minho, cofinanciado polo Interreg, que ten por obxectivo a posta en valor dos recursos endóxenos do río Miño. Destacou que o fin último desta ponte é  “crear un parque transfronteirizo, un espazo urbano único de xestión común entre os dous concellos, unha idea innovadora e diferente e así está sendo valorada por todos os estamento a todos os niveis, incluído europeo, como se está vendo polo apoio financieiro”.

Segundo explicou o deputado, agora comeza a segunda fase do concurso, consistente nun procedemento negociado para a contratación dun proxecto básico, “que se agarda que se resolva á altura do verán”, de xeito que o proxecto final poida estar listo este mesmo ano.  Benítez indicou que ao logo de 2019 “será necesario obter todas as autorizacións e informes sectoriais precisas e aí concluirá o proceso incluído dentro deste proxecto Visit Rio Minho financiado polo Interreg”. Advertiu de que “este será un proceso complexo, porque afecta a unha zona moi sensible e a dous países, e serán moitas as institucións que teñan que emitir informes.”

Por último, o nacionalista agradeceu ao xurado “por todo o traballo desenvolvido” e tamén quixo destacar “a moi interesante aportación do que foi o comité asesor”, formado por representantes de organismos sectoriais que máis adiante terán que ofrecer os seus informes, razón pola que se considerou que debían participar no proxecto dende o primeiro momento.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González,  dixo que nesta ocasión ía “falar menos dende o institucional e máis dende o corazón”, para “agraceder que nun momento no que a moda parece que é construír muros nós esteamos tendendo pontes”. González destacou que “este fermoso proxecto é un soño para que para Tomiño e Cerveira que queremos converter en realidade”, e admitiu que “vai levar tempo e dificultades” pero “que a pesar de levar tantos séculos separados por esa fronteira artificial” Tomiño e Cerveira sempre estiveron unidos e a ponte consolidará esa unión. González tamén destacou que “este quere ser un achegamento máis neste futuro europeo que desexamos xuntos e xuntas e sen fronteiras”.

Tamén o vicepresidente da Câmara de Cerveira, Víctor Costa, subliñou o “éxito desta iniciativa”, e adiantou que “o xurado vai ter moitas dificultades para escoller unha única proposta de entre as tres finalistas porque son todas brillantes”. Costas engadiu que “para nós é de capital importancia non só a unión con Tomiño, a quen a consideramos unha irmá, senón que este proxecto pretende ser un gran atractivo para o turismo da zona”.

 

Carmela Silva: “A ponte ten un obxectivo fermoso: unir dous países”

A presidenta da Deputación puxo en valor as grandes ideas, “todas elas de gran valor paisaxístico, medioambiental, arquitectónico, técnico e estético”, das 24 propostas presentadas ao concurso que “ten por obxectivo algo tan fermoso como é unir territorios, unir dous concellos de dous países distintos”.

Ademais, Carmela Silva destacou a importancia de que o proceso de construción da ponte entre Tomiño e Cerveira se teña realizado a través dun concurso de ideas “porque as administracións do século XXI, as administración modernas, xa non son aquelas que encargan un proxecto e o levan adiante, senón as que son capaces de escoitar á sociedade”.

Tamén aproveitou a presidenta provincial para reivindicar que as administración encargadas dos informes sectoriais para a posta en marcha da ponte sexan áxiles e rápidas. Do mesmo xeito, fixo un chamamento “aos gobernos de España e de Portugal para que acheguen recursos para poñer en marcha a ponte entre Tomiño e Cerveira e aproveitar así as grandes potencialidades que nos aporta o Río Miño”.

No acto estiveron presentes representantes das tres propostas finalistas que tiveron a oportunidade de comentar aos e as asistentes o concepto desenvolvido por cada unha das ideas así como achegar algúns dos apuntes técnicos que determinaron os deseños das propostas.

A creación da nova ponte internacional enmárcase dentro da acción Cualificación e promoción do parque transfronteirizo Castelinho-Fortaleza, do proxecto VISIT RIO MINHO, promovido conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade de Vigo e os municipios do norte de Portugal.

VISIT RIO MINHO está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER da UE a través da convocatoria INTERREG V-A POCTEP 2014-2020 e ten por obxectivo a cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos do territorio do Miño e a súa promoción como destino ecoturístico.