21 Abr 2016 Varios centenares de atletas danse cita este sábado no III Duatlón Popular de Tomiño, organizado por Adeto

Duatlón 2016A proba, que conta coa colaboración da Concellaría de Deportes, foi presentada esta mañá no Concello

A Asociación de Comerciantes de Tomiño (Adeto) organiza coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Tomiño, e a Federación Galega de Triatlón (Fegatri), o III Duatlón Popular de Tomiño, que terá lugar o vindeiro sábado, 23 de abril, a partir das catro da tarde.

A proba, na que xa hai máis de 230 inscritos, foi presentada esta mañá no Concello de Tomiño, coa presenza da alcaldesa, Sandra González, o presidente de Adeto, David Vila e o concelleiro de Deportes, Ismael Torrón.
A rexedora local reiterou o apoio a este tipo de eventos que promoven o deporte e os hábitos de vida saudables, ademais de beneficiar o comercio local.

O concelleiro delegado, pola súa banda, agradeceu a Adeto a promoción do deporte de base que están a facer, dentro e fora de Galicia.

O presidente de ADETO explicou que “o obxectivo do duatlón, así como da carreira popular que se celebra no verán, é realzar a asociación a través de actividades deportivas, sociais e culturais que dinamicen o núcleo urbano e atraian xente de fora de Tomiño, beneficiando así aos seus asociados”.

David Vila sinalou que despois do éxito das edicións anteriores, decidiuse realizar este terceiro duatlón, nas categorías de benxamíns, alevíns, infantil, cadete e adultos.
A proba, consistirá en realizar en primeiro lugar, unha carreira a pé e, seguidamente, un circuíto en bicicleta, con diferentes distancias, segundo a categoría (xúntase cartel).
A primeira carreira será a dos benxamíns, que comezará ás 16.00 horas; seguida da dos alevíns, ás 16.20 horas; infantil, ás 16.50; cadete, ás 17:30 e, finalmente, a dos adultos, con saída ás 18.15 horas.

A saída será para todas as probas na rúa Colón, e a zona de transición e meta, na rúa nova.
A entrega de premios (125, 75 e 50 euros) e trofeos será ás 20.45 horas na Praza do Seixo.
Colaboran coa organización deste duatlón popular de Tomiño, Policía Local, Protección Civil, Ambulancias Baixo Miño, Lito Sport, Supermercados Froiz e DIA de Tomiño, Ximnasio VYP, DIFERSA e Cocacola.

 



X