25 N. Tomiño declárase un Concello libre de violencia machista non cómplice de quen a exerza ou a silencie A praza do Seixo acolleu hoxe o acto institucional do 25N coa participación de 150 estudantes de ESO, políticos e veciñanza

Ao rematar fíxose un minuto de silencio e no mercado municipal, Mónica Sueiro, puxo en escena a súa obra “DesAlento”

 A Praza do Seixo de Tomiño acolleu este mediodía un acto institucional contra a violencia de xénero no que participaron 150 estudantes de 3º e 4º da ESO do IES Antón Alonso Ríos, ademais de usuarios/as do Centro de Día, políticos e veciñanza.

Declarar ao Concello de Tomiño un Concello libre de violencia machista e que non será cómplice de quenes a exerzan, a acubillen ou a silencien, foi o último punto do manifesto ao que deu lectura a alcaldesa Sandra González. A declaración, que se aprobará en pleno o vindeiro luns, inclúe condenar a violencia contra as mulleres como manifestación máis extrema que é das desigualdades de xénero; mostrar a nosa solidariedade coas mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas, e por a disposición das mulleres vítimas de violencia de xénero os recursos municipais necesarios para que acaden a súa liberdade e sexan quen de exercitar os seus dereitos e os dos seus fillos e fillas, entre outras accións.

Tanto a alcaldesa, como varias concelleiras do goberno e da oposición, axudaron a ler o texto completo (redactado por toda a corporación), salientando o papel das administracións públicas na loita contra o maltrato. “Debemos ter un compromiso firme co impulso de medidas dirixidas a combater a violencia machista, e os Concellos xogamos un papel fundamental como institución mais próxima á cidadanía. Temos que estar presentes activamente na prevención e atención especifica ás mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas, polo que é preciso un consenso institucional, político e social”.

O alumnado de ESO chegou á praza cantando consignas como “Aquí está, aquí se ve, a mocidade de Tomiño en pé”, “Non é non” “Feminismo para adiante, machismo para atrás”, “Se tocan a unha, tócannos a todas” e outras moitas. Tamén houbo unha regueifa na que participaron varios alumnos e alumnas, antes da lectura do manifesto.

Por último, a actriz Mónica Sueiro puxo en escena no 1º andar do mercado municipal a súa peza teatral “DesAlento”, mantendo un coloquio ao final cos estudantes de 3º de ESO que asistiron.