25N: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO Dende o venres 15, os comercios, empresas, clubs deportivos e asociacións poden recoller no Concello o material da campaña “ En negro contra as violencias”

Un ano máis, e xunto con máis dun centenar de vilas e cidades galegas, o Concello de Tomiño súmase á campaña “En negro contra as Violencias”, en conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero . Por elo, dende a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Educación, animan novamente ao sector do comercio e a todos os axentes sociais e empresarias do municipio, a implicarse nesta acción colectiva, tinguindo de loito o concello, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

“Porque consideramos que tedes o protagonismo das rúas de Tomiño, e sodes o gran escaparate que pode transmitir a mensaxe de denuncia e solidariedade para un Tomiño libre de violencias machistas, convidámosvos a participar nesta campaña co obxectivo de rexeitar coa maior contundencia posible e, dunha vez por todas, a violencia machista, e situala na axenda como un problema público, de toda a cidadanía”, explican dende a concellería.

A partir do 18 e até o 25 de novembro viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado, asociación etc. de negro

Dende o venres 15 de novembro, pódese recoller a cartelería da campaña, de xeito gratuito, no Rexistro do Concello.

Lembramos tamén que se pode difundir esta campana dende negocios, asociacións, clubs deportivos, redes sociais e amosar así o apoio público ao fin da violencia machista.

 

Actos

Ademais da campaña Tomiño en Negro (18 ao 25 de novembro), os actos con ocasión do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, serán:
Día 24. 18:00h. Auditorio de Goián. De balde. TEATRO: “INVISIBLES”, de Redrum Teatro (historias reais de mulleres galegas unidas polo fío común da violencia de xénero). Unha reflexión sobre a invisibilidade dos agresores fronte á exposición delas na sociedade.
Día 25N. 12:00h. No Mercado Municipal ( 1º andar). Lectura de manifesto coa intervención e actuación musical do alumnado de 1º Bacharelato do IES Antón Alonso Ríos.