A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tomiño deu conta dos máis de 400 operativos de emerxencias que atenderon ao longo deste ano 2015 na asamblea anual que tivo lugar o pasado sábado.

O 80% das saídas déberonse a accidentes na estrada.

O Corpo de Protección Civil conta con equipamento especializado para atender emerxencias na estrada, incendios ou temporais.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tomiño, celebrou unha asamblea xeral o pasado sábado na que deron conta dos máis de 400 operativos que atenderon no que vai de ano.

O Corpo de Protección Civil de Tomiño está formado por 25 voluntarios e voluntarias que de xeito desinteresado atenden emerxencias de todo tipo e adícan esforzos a formarse na Academia de Seguridade de A Estrada.

No que vai de ano, o 80% das saídas concentráronse en operativos de accidentes de estrada, séguenlle os referidos a incendios, temporais ou accidentes domésticos como captura de animais perigosos para a cidadanía (vespa asiática, serpes, ….).

Protección Civil de Tomiño conta coas últimas novidades tecnolóxicas para a atención de emerxencias como un coche bomba Mercedes Bull usada para a extinción de incendios e salvamento; traxes especiais para incendios urbanos e forestais e emisoras de última xeneración; unha furgoneta Ford Transit 110 T 330, de 9 prazas para dispositivos, rescates de persoas, sempre coordinados coas forzas de seguridade de Tomiño, ou desprazamentos dos voluntarios a cursos de formación e outras actividades; unha zodiac e o can “Tor”, adestrado para a busca de persoas desaparecidas. Neste ano 2015 o parque móbil ampliouse cunha Volkswagen Amarok.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil leva máis de 20 anos prestando un servizo altruista ao municipio que cada día vese consolidado polo seu carácter profesional derivado da formación e dos medios que ano a ano se incrementan para unha maior efectividade.

O Concelleiro de Seguridade, Manuel Álvarez, agradece o esforzo de todos os membros de Protección Civil, “voluntarios e voluntarias que realizan unha tarefa de gran valor, de maneira totalmente desinteresada.”