A alcaldesa de Tomiño reclama en París maior atención aos territorios transfronteirizos Súmase ás voces que piden máis fondos e a eliminación de obstáculos legais para facilitar a vida da veciñanza das fronteiras interiores, un terzo da poboación da Unión Europea

A alcaldesa de Tomiño Sandra González defendeu onte en París a cooperación e a gobernanza transfronteirizas co máximo grao de participación pública. Fíxoo na segunda xornada do foro sobre fronteiras ‘Borders Forum’ organizado no marco da presidencia francesa do Consello da UE que está a reunir na capital parisina a representantes do máis alto nivel de entidades e administracións de rexións transfronteirizas da Unión.

A nacionalista participou nunha mesa redonda sobre o papel que debe xogar a mocidade e a sociedade civil na construción dos territorios transfronteirizos ao lado da presidenta da Comisión Nacional Francesa para o Debate Público Chantal Jouanno, dunha representante da Secretaría comunitaria para a Conferencia sobre o Futuro de Europa, Gaëtane Ricard-Nihoul, así como de varias persoas representantes de voluntariado cidadá en Francia, Alemaña, Bélxica e España.

Para a rexedora galega “a vida transfronteiriza é o mellor exemplo da cidadanía europea e precisa dunha maior atención por parte da Comisión e os estados da Unión”. Lembrou que o 30% das e dos habitantes da UE (150 millóns de persoas) viven próximas ás súas fronteiras interiores, o que esixe que os gobernos democráticos garantan os dereitos e faciliten a vida desa veciñanza “removendo obstáculos legais e priorizando que os fondos dedicados á cooperación cheguen directamente aos territorios e municipios das fronteiras”.

A alcaldesa de Tomiño referiuse á traxectoria de cooperación da Eurocidade Cerveira-Tomiño e a algúns dos seus proxectos estratéxicos como o Parque transfronteirizo da Amizade, subliñando a importancia estratéxica das actividades de mobilidade e intercambio da mocidade. Lembrou, neste sentido, os traballos de preparación da Axenda Urbana 2030 con participación de mocidade de entre 12 e 25 anos, o importante papel de “Voces Novas”, o Consello da Infancia e a Adolescencia de Tomiño, e os traballos da Oficina de Información Xuvenil OMIX como integrante da rede EURODESK.

No seu discurso xeral Sandra González coincidiu con moitas das manifestacións expresadas polas diferentes entidades e as case 50 persoas relatoras que tomaron parte nas sesións celebradas no ‘Borders Forum’ os días 21 e 22 de xuño na Cidade Internacional Universitaria de París, baixo a organización da Mission Opérationnelle Transfrontalière, coa colaboración da Comisión Europea, o Comité Europeo das Rexións e ESPON.

Subliñou que “as cuestións relacionadas coas fronteiras deben estar no centro das axendas políticas europeas e dos distintos estados, especialmente agora que se aplican os plans de recuperación e se inician os novos programas Interreg ou a revisión do Código de Fronteiras de Schengen”.

Fontes da DG Rexio da Comisión Europea estiman que a eliminación de 1/3 dos obstáculos que dificultan a vida transfronteiriza provocaría a suba dun 2% do PIB nestes territorios e a creación de 1 millón de postos de traballo. Neste sentido, a alcaldesa de Tomiño urxiu ou recoñecemento legal e normativo das áreas funcionais que transcenden as antigas fronteiras interestatais na Unión Europea. “Son territorios que xa existen, que son totalmente recoñecibles pola xente e que posúen instrumentos de cogobernanza e servizos compartidos”, afirmou.

Nas diferentes mesas de traballo do ‘Borders Forum’ abordouse o debate sobre se os territorios transfronteirizos deben resignarse a unha situación na que os países “se repregan sobre si mesmos e as fronteiras se reducen a meras liñas divisorias ou hai capacidade colectiva de demostrar resiliencia e de respectar as fronteiras como territorios compartidos que son fontes de progreso”.