A alcaldesa solicita unha reunión á directora de Mobilidade, para buscar unha solución ao transporte de sanitarios e usuarios do Cunqueiro

  • Preto dun centenar de persoas vese afectado pola falla de autobuses
  • O persoal sanitario vén de quedarse sen o servizo de transporte específico que tiña

 

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, vén de escribir unha carta á directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas de Santos, co fin de solicitarlle unha reunión na que tentar alcanzar unha solución ao problema da falla de transporte público ao novo hospital.

 

“Os Concellos da comarca do Baixo Miño recibimos diariamente as queixas de veciños e veciñas dos nosos municipios que se ven obrigados a desprazarse ao novo hospital Álvaro Cunqueiro”, sinala a alcaldesa. A rexedora explica que “moitas veces non dispoñen de vehículo propio, e están obrigados a desprazarse nun transporte público que non ten ao hospital entre un dos seus destinos preferentes”.

 

Ademais, a empresa encargada do servizo conta só con cinco autobuses, cuxo percorrido dende Tomiño até o hospital supón unha hora e media de traxecto. Por riba, os horarios non teñen en conta as necesidades dos usuarios e usuarias, chegando o último autobús ás 19h30 .

 

O problema afecta tamén aos sanitarios e persoal auxiliar do hospital (un centenar se persoas) que, até hai unhas semanas, dispuñan dun servizo de transporte específico, agora suprimido, polo que están obrigados a desprazarse en vehículos propios, contribuíndo ao colapso nos accesos ao hospital; atascos que se veñen producindo dende que o centro hospitalario abriu as súas portas, sobre todo, nos tramos horarios de 07h00 a 08h30 e de 14h30 a 15h30, é dicir, cambios de quenda do persoal laboral. Ademais, os profesionais sanitarios deben asumir riscos de carácter laboral derivados do cansanzo de xornadas de garda que deben cumprir.

 

Co fin de procurar solucións a ambas situacións “que non só pon en risco aos profesionais do centro hospitalario senón que prexudica de xeito directo aos veciños e veciñas dos arredores”, a alcaldesa solicitou unha reunión para tentar chegar á mellor solución.

 

Foto: Noticias de Vigo.