A App móbil de Tomiño recibe unha media de 200 incidencias ao mes Problemas de iluminación pública, residuos, baleirado de fosas sépticas e fochancas, son os máis comúns. O Concello anima á veciñanza a utilizar a aplicación, gratis e moi eficaz

O Concello anima á cidadanía a descargar a aplicación e enviar as súas demandas ou preguntas a través dela, xa que a resolución das mesmas é moito máis rápida, eficaz e sinxela

 A App móbil Liña Verde do Concello de Tomiño, un servizo de comunicación directo ca cidadanía, que leva funcionando uns cinco meses, recibe unha media de 200 incidencias ao mes, das que se resolven dúas de cada tres (68,7%) en poucos días.

No caso do alumeado público (tema principal das demandas) o 97% das incidencias resólvense nas primeiras 48 horas.

Dende a posta en marcha da iniciativa virtual, súmanse máis de 1.000 pedidos veciñais; as referidas á iluminación pública ocupan, polo seu volume, o primeiro posto entre as incidencias denunciadas, seguidas polas de lixo, fochancas e baleirado de fosas sépticas. Tamén son importantes as referidas á vía pública, escolas e loxística; recollida de voluminosos e sinalización viaria, entre outras.

O tempo de resolución das incidencias varía dependendo do tipo de problema e dos recursos dispoñibles, sendo de 3 ou 4 días no caso de baleirado de fosas sépticas, e dunha semana ou 15 días (máximo) na limpeza de xardíns e zonas verdes.

Alexandre Pérez Souto, concelleiro de Obras, valora que tras cinco meses de funcionamento, os resultados son bos e salienta a importancia de poder coñecer mellor as necesidades da veciñanza, e poder actuar de maneira máis eficiente, dando solución con maior rapidez ás cuestións comunicadas.

“O persoal xa está adaptado ao novo modelo de traballo. Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa táblet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira da área, e ademais, pódense obter estatísticas en tempo real dos traballos a realizar”, explica.

Para poder utilizar este novo servizo só é necesario proceder á descarga gratuíta da APP “Linea Verde” dende Google Play ou APP Store. A continuación, seleccionar o municipio de Tomiño, e comunicar o problema, pinchando sobre o botón “nova incidencia”, escoller a tipoloxía de incidencia e achegar unha foto e unha explicación sinxela sobre a mesma. A persoa recibirá unha notificación no seu teléfono móbil, comentando o progreso do caso.

O Concello anima á cidadanía a descargar a aplicación e enviar as súas demandas ou preguntas.