A arte volve unir as dúas beiras do Miño no Certame de Pintura Antonio Fernández Estela García Ballesteros alzouse co primeiro premio nunha xornada na que máis de vinte artistas volveron converter Estás, Figueiró, Goián e Vila Nova de Cerveira nun grande estudio de pintura ao aire libre.

A arte volve unir as dúas beiras do Miño no Certame de Pintura Antonio Fernández Estela García Ballesteros alzouse co primeiro premio nunha xornada na que máis de vinte artistas volveron converter Estás, Figueiró, Goián e Vila Nova de Cerveira nun grande estudio de pintura ao aire libre.

Tomiño, 20 de agosto de 2026.- As paisaxes e recunchos das dúas beiras do Miño volveron transformarse en inspiración e lenzo para os artistas participantes nunha nova edición do Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández. Goián e Vila Nova de Cerveira, xunto con Estás e Figueiró como novidades desta edición, compartiron unha xornada na que pinceis, cores e creatividade tomaron rúas e espazos naturais para poñer en valor o patrimonio e a identidade deste territorio transfronteirizo.

Organizada no marco da Eurocidade Cerveira-Tomiño, coa colaboración da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes de Goián, a cita reuniu artistas dispostos a interpretar, cada un co seu estilo e mirada, diferentes estampas do territorio. Tras a entrega dos soportes, as persoas participantes repartíronse por distintos puntos na procura do lugar e da perspectiva que protagonizarían as súas obras. Durante horas, o público puido contemplar o proceso creativo en directo e descubrir como paisaxes, arquitectura e escenas cotiás ían tomando forma sobre os lenzos.

Ao remate da xornada chegou o momento de reunir as obras e coñecer o ditame do xurado. Estela García Ballesteros conquistou o primeiro premio, dotado con 1.200 euros, converténdose na gañadora desta edición. O segundo premio, de 500 euros, foi para Andrés Gabarres Cagiao, mentres que Abel Barandela acadou a terceira posición, tamén cunha dotación de 500 euros. O palmarés completouse con tres accésits de 100 euros cada un, concedidos a Rafael Jiménez Ambel, Tono Lorenzo Guisado e Juan Carlos Triñanes Buceta.

Máis alá dos premios, o Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández volveu amosar a capacidade da cultura para tender pontes entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. A iniciativa converte cada edición o territorio da Eurocidade nun espazo compartido de creación e encontro, achegando a arte á rúa e convidando a redescubrir, a través da mirada dos artistas, as paisaxes das dúas marxes do Miño.