A destacada artista plástica Pilar Alonso imparte esta fin de semana un curso de debuxo botánico en Tomiño A actividade desenvolverase en dúas xornadas, unha de campo e outra no estudo da pintora

Dentro do ciclo “Creando con” organizado polo Concello de Tomiño a través da Aula-Museo Antonio Fernández, impartirase o vindeiro fin de semana, un curso de iniciación ao debuxo botánico, a cargo da pintora viguesa afincada en Tomiño, Pilar Alonso.

A actividade constará de dúas xornadas consecutivas: unha de traballo de campo (sábado) para aprender a debuxar plantas e flores da beira do Miño con lapis, acuarela, pastel ou calquera outra técnica, e outra de traballo pictórico no estudo da artista “La casita roja”, no barrio tomiñés de Hospital.

O horario estes dous días será de 10.00 a 14.00 horas. As persoas que queiran participar (a partir de 16 anos) terán que apuntarse a través da páxina web do Concello (https://tomino.gal/obradoiro-de-arte-creando-con-pilar-alonso). A día de hoxe aínda quedan prazas.

Pilar Alonso, artista viguesa (afincada en Tomiño), recibiu o premio “Galega destacada 2018” outorgado polo colectivo Diálogos 90 para conmemorar a efeméride do pasamento da pensadora e escritora Concepción Arenal.

Licenciada en Belas Artes, foi becada como pintora no Paular de Segovia, cursou estudos de postgrado en Frankfurt e ao longo da súa carreira expuxo en numerosas galerías de España e Alemania. En 2012 publicou o seu primeiro libro de artista en torno á ‘La Diva’ e en 2016 realizou intervencións en murais de Barcelona, en edificios do Grupo Pereira e dentro do proxecto ‘Vigo, cidade de cor’, e é a autora da medianeira de Fragoso.



X