10 Out A Asociación Avelaíña realizou máis de 130 intervencións en Tomiño no que vai de ano No Día Mundial da Saúde Mental, o Concello amosa o seu agradecemento a esta entidade polo labor tan importante que está a facer na comarca
En Galicia case 60.000 persoas contan cun certificado de discapacidade por enfermidade mental, arredor de 24.500 na provincia de Pontevedra, o que a sitúa como a segunda causa de discapacidade despois da física. Dende hai 25 anos, a comarca do Baixo Miño conta co encomiable labor da Asociación Avelaíña, unha entidade sen ánimo de lucro declarada de Utilidade Pública en 2010 que presta importantes servizos de atención a persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais asociados. No que vai de 2021, realizaron máis de 130 intervencións en Tomiño, unha cifra que acadou os case 250 servizos ao longo de todo 2020: 59 intervencións de información, 174 asesoramentos e 14 acompañamentos integrais. A asociación conta no Concello cun servizo de información e asesoramento.
“O seu labor é fundamental para a nosa veciñanza sobre todo nos últimos anos, cunha crise sanitaria que foi especialmente dura coas persoas con problemas de enfermidade mental”, salienta a alcaldesa, Sandra González. Por este motivo, co gallo do Día Mundial da Saúde Mental, o Concello quere agradecer o labor tan encomiable que está a facer a Asociación Avelaíña no municipio e no Baixo Miño. Precisamente un dos logros desde 2021 é a posta en marcha dunha Unidade de Saúde Mental na comarca que dará cobertura a toda a poboación, cunha reorganización dos cupos sanitarios e evitando desprazamentos moito máis longos aos pacientes que se tiñan que desprazar ata o de agora a Vigo.
Avelaíña conta con máis de 20 profesionais, máis de 400 socios e socias, persoas con enfermidade mental, familiares, coidadores e coidadoras, achegados e persoas sensibilizadas coa problemática. Na actualidade presta, entre outros, servizos de rehabilitación psicosocial, de apoio comunitario, de atención domiciliaria, de respiro familiar, de acompañamento integral, de orientación e integración laboral, de información e asesoramento, de ocio e deportes ou de apoio psicolóxico. Ademais ten en marcha diferentes campañas de sensibilización e leva a cabo o proxecto de ‘Promoción da autonomía persoal en persoas con enfermidade mental grave’, co que trata de instaurar hábitos de vida saudables e promocionar o uso axeitado dos recursos comunitarios da contorna.