A aula de estudo de Tomiño remata o seu acondicionamento e estará aberta ao público Contará con 40 prazas, conexión a internet e será precisa unha tarxeta específica para acceder ao recinto

A aula de estudo habilitada na Casa da Cultura de Tomiño rematou esta semana o seu acondicionamento e xa está dispoñible para o seu uso. A aula dispón dun total de 40 prazas, as cales contarán na súa totalidade con conexión a internet mediante WiFi ou cable Ethernet. Haberá tamén dispoñibles catro ordenadores e unha impresora para aqueles usuarios que o precisen, e estará dividida en dous espazos, un para o estudo en silencio e outro para a realización de traballos en grupo.

Para poder empregar as instalacións será necesario contar cunha tarxeta específica da aula de estudo, necesaria para establecer un control de acceso, e será entregada a aqueles que a soliciten. Para realizar esta solicitude é necesario completar un formulario no rexistro do Concello.

Os horarios serán das 9:00 ás 21:00 horas, fins de semana incluídos. Os menores de 12 anos deberán acceder acompañados dun adulto, mentres que para os que estean en idades comprendidas entre os 12 e os 18 será necesario contar cunha autorización por parte do pai/nai ou titor/titora.

Co fin de facer da aula un entorno agradable e estimulante para os usuarios, a artista Pilar Alonso levou acabo no recinto unha montaxe formada con material doado pola veciñanza como enciclopedias, libros de estudo ou apuntes, creando unha “nube de coñecemento” de 40 metros cadrados. Un traballo laborioso e de gran valor que tornará o espazo máis acolledor e cálido.

A aula espera servir como espazo de estudo e traballo para todos os veciños e veciñas que a precisen, complementando a función da aula CeMIT, e contará con distanciamento suficiente entre cada un dos postos de estudo, mamparas e xel hidroalcohólico, cumprindo con todas as medidas de seguridade.

O formulario para a creación da tarxeta de acceso pode ser descargado aquí:

https://tomino.gal/aula-de-estudo/