A autoestima feminina, protagonista do Mercado de Tomiño Valorarse, quererse e aceptarse: as claves dun proxecto fotográfico que poderá visitarse durante o mes de outubro

Mellorar a autoestima, a valoración e a aceptación persoal son o eixo central do proxecto “Namórate de Ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía” promovido polo Concello de Tomiño e Eu Rural, que apostou na imaxe como a ferramenta para expresar e traballar estes conceptos co fin de mellorar a calidade de vida das participantes.

A mostra fotográfica é a cristalización do proxecto desenvolvido no Centro Goianés o pasado ano e que acadou un enorme éxito. Nel participaron mulleres de todas as idades, traballando cuestións como o empoderamento feminino, o autoconcepto ou a desinhibición entre outros. As participantes foron guiadas durante varias xornadas por dúas orientadoras, traballando a xestión do estrés e o amor propio a través da expresión corporal e verbal con dinámicas de grupo.

Durante o presente mes de outubro estará exposta no primeiro andar do Mercado de Tomiño para que calquera persoa poida visitala. En relación á mostra, o pasado 3 de outubro estiveron presentes no lugar as autoras das fotos para gravar un documental realizado por EuRural no que se recollen as súas experiencias no proxecto.