A axenda cultural de Tomiño propón para este sábado “Pink Unicorns” un espectáculo de danza contemporánea da compañía “La Macana” A actuación, para todos os públicos, será ás 21 horas no Auditorio de Goián

O vindeiro sábado, 2 de abril, ás 21 horas, A Concellalía de Cultura do Concello de Tomiño dará a benvida á primavera cun espectáculo de danza contemporánea: “PINK UNICORNS”, da compañía “LA MACANA”.

Un home e seu fillo adolescente comparten escenario nunha peza enérxica, tenra e divertida, na que exploran as relacións e as diferentes etapas da vida baixo a premisa das grandes diferenzas interxeracionais, determinadas principalmente pola tecnoloxía e a nova maneira da mocidade de comunicarse a través das redes.

Á procura dos puntos en común, presentan un espectáculo no que, a través do corpo, establécese o diálogo entre pai e fillo. O gran bailarín Alexis Fernández e seu fillo Paulo, sorprenderán ao público co seu dominio da danza contemporánea. O primeiro, galego de orixe cubana que na súa ampla experiencia como bailarín nunca tivo que enfrontarse a un maior desafío que bailar cun compañeiro máis coñecido. Polo outro lado, un espléndido, atlético e creativo rapaz de catorce años, cheo de enerxía e de ganas de confrontar a súa perspectiva “millennial” co seu querido pai.

“LA MACANA” é unha compañía de danza con base en Galicia, formada no ano 2009 polos creadores e intérpretes Caterina Varela e Alexis Fernández. As colaboracións continuadas con outros artistas e a forte proxección internacional dos seus proxectos son dous dos pilares fundamentais sobre os que se constrúe a compañía.

Data: sábado 2 de abril de 2022
Horario: 21h
Idade: todos os públicos
Lugar: Auditorio de Goián
Prezo: persoas adultas: 5€. Menores de 12 anos: 2,5€.