A Banda de Goián presenta este sábado a composición de Andrés Álvarez “Lobo de Río” O concerto será no auditorio ás 20.00h, e interpretarase tamén no XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, en Compostela

Lobo de Río, de cadro de Antonio Fernández a composición de Andrés Álvarez

A creación do compositor goianés interpretarase o próximo sábado día 26, ás 20.00 h., no Auditorio Municipal de Goián.  Será no marco do concerto preparatorio da Agrupación Musical de Goián, dirixida por Pedro Villarroel, para o XIII CERTAME GALEGO DE BANDAS DE MÚSICA POPULARES, que se vai celebrar unha semana máis tarde no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

O pintor Antonio Fernández (1882-1970) desenvolveu ao longo da súa vida unha interesante obra pictórica que levou a cabo entre as cidades de Santos (Brasil), Antícoli (Italia) e o seu natal Goián. Foi neste último lugar onde, xa na súa etapa artística final, pinta o retrato do “Tío Cila, Lobo de Río” (década de 1950). Este importante lenzo, predilecto do propio autor, plasma ao tío Cila, veciño de Goián, ao terminar unha xornada de pesca no río Miño. O poema sinfónico LOBO DE RÍO describe o punto de vista do compositor e a mensaxe que o lenzo lle transmite.

Por segundo ano, a Agrupación Musical de Goián, prepara como obra libre no certame unha composición de Andrés Álvarez que, ademáis, tamén vai participar como trompetista, tanto no concerto deste sábado, como no Certame Galego o 3 de novembro. Nel tamén se vai interpretar a obra obrigada “Memorias da Gallaecia” de David Rivas.

Máis información:  ASOCIACIÓN SOCIOCULTURAL DE GOIÁN | www.bandadegoian.gal