A campaña de adopción canina e felina trasládase a outubro debido ás altas temperaturas Malia que na Axenda 2022 do Concello está programada para o próximo sábado 16 de xullo, a campaña posponse ata outubro para garantir mellores condicións meteorolóxicas

A campaña de adopción canina e felina, que inicialmente estaba programada para o vindeiro sábado 16 de xullo, trasládase ao mes de outubro debido ao pronóstico de altas temperaturas. Malia que o evento está anunciado na Axenda 2022 do Concello de Tomiño para o sábado entre as 10.00 e as 14.00h na Praza do Seixo, adiarase ata o mes de outubro, coa data e demais información aínda pendentes de confirmar.

A campaña de adopción canina e felina contará coa colaboración de protectoras da zona no día da súa celebración, aínda que previamente se realizará unha campaña de promoción da adopción en redes sociais por parte do grupo de voluntariado. Xa posteriormente, xunto coas protectoras da zona organizarase unha xornada de adopción de cans e gatos e recollida de comida e materiais para doar ás protectoras.